O BNG pide á Xunta que reverta a exclusión do galego na Formación Profesional

Mercedes Queixas denuncia que o alumnado de FP non conta con ningún módulo de lingua galega e reclama a súa incorporación ao currículo para garantir o acceso ao Celga 4.
Mercedes Queixas
23 Jan 2026

O BNG reclamoulle á Xunta que rectifique e reverta a actual discriminación da aprendizaxe da lingua galega na Formación Profesional. Así o fixo a portavoz de Lingua do grupo nacionalista no Parlamento, Mercedes Queixas, durante a súa intervención na Comisión 4ª.

Queixas advertiu de que o alumnado de FP non conta con ningún módulo específico de lingua galega nos seus estudos, o que supón un claro agravio comparativo respecto do alumnado de ESO e Bacharelato. Esta situación, explicou, “impide ao alumnado de FP acadar unha competencia plena na lingua propia e oficial do País”.

Segundo expuxo, mentres o alumnado que remata Bacharelato obtén automaticamente un nivel equivalente ao Celga 4, quen finaliza un ciclo superior de FP queda nun nivel equivalente ao Celga 3, malia contar cunha formación académica superior. “É unha desigualdade inxustificada que penaliza miles de estudantes”, subliñou.

A deputada nacionalista denunciou tamén que na FP non se cumpre o Decreto do Plurilingüismo, xa que non existe unha oferta equilibrada entre galego e castelán nin tampouco a presenza do galego como lingua vehicular. “Non só non existe como materia de estudo, senón que queda completamente fóra da aula”, afirmou.

Neste sentido, Queixas destacou que o currículo da FP inclúe 120 horas de inglés e 0 horas de galego, o que, ao seu xuízo, vulnera a normativa vixente. Engadiu ademais que o novo marco estatal (RD 659/2023) establece módulos obrigatorios e optativos de lingua estranxeira que en Galicia se amplían, “restando espazo ás linguas oficiais e deixando o galego excluído”.

Dirixíndose ás bancadas populares, a deputada cuestionou se realmente consideran que “lle fai máis falta o inglés que o galego a un mozo ou moza que remata unha formación en Servizos Administrativos, Producións Agrícolas ou Acceso e conservación en instalacións deportivas”.

Ante esta situación, o BNG reclama que a Xunta incorpore a Lingua Galega ao currículo da Formación Profesional, con horario lectivo propio, garantindo que o alumnado que supere un ciclo medio ou superior poida obter a acreditación equivalente ao Celga 4. “É necesario rematar coa discriminación do galego na FP e garantir os mesmos dereitos lingüísticos para todo o alumnado galego”, concluíu Queixas.

⚙ Configurar cookies
0.27605414390564