O BNG pide ao PP retomar as negociacións para 40 novas competencias

O portavoz de Presidencia do BNG no Parlamento, Iago Tabarés, reclamou ao Goberno galego que retome as negociacións co Estado para conseguir corenta novas competencias para Galiza, que levan paralizadas desde 2008. Tabarés fixo este chamamento tras formalizarse onte a transferencia da ordenación do litoral, o primeiro traspaso en 17 anos.
Aínda así, sinalou que Galiza segue no penúltimo lugar do Estado en número de competencias transferidas, só por diante da Rioxa e Castela-A Mancha, e destacou que esta situación débese á “oposición contumaz” do PP ao autogoberno galego por intereses partidistas.
Desde o BNG lembran que o Goberno español xa se comprometera formalmente coa formación a negociar estas competencias, previstas no Estatuto ou acordadas no Parlamento. Por iso, reclaman agora coherencia ao PP e a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para avanzar nese camiño.
Entre as competencias que se reclaman figuran a AP-9 e a AP-53, o Ingreso Mínimo Vital, Meteoroloxía e Oceanografía, Tráfico e Seguridade Viaria, Inspección laboral, Emigración e Inmigración, portos e aeroportos de interese xeral, institucións penitenciarias (especialmente saúde penitenciaria), servizos ferroviarios e os activos da Sareb.
Tamén consideran esencial que Galiza asuma a capacidade de planificar a súa planta xudicial, para evitar decisións como a centralización dos casos de violencia de xénero de Ribeira nun único xulgado en Santiago.
“O que lle pedimos ao PP é que continúe a reclamar máis autogoberno, máis transferencias e maior capacidade de decisión para Galiza, porque iso é bo para a cidadanía, para a xestión eficaz dos recursos públicos e para acertar nas decisións que se toman”, concluíu Tabarés.