O BNG pide derrogar o Real Decreto sobre mutuas e blindar os dereitos das persoas traballadoras

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno do Estado a derrogación das modificacións introducidas polo Real Decreto 453/2022 co obxectivo de garantir os dereitos das persoas afectadas por accidentes laborais.
A formación nacionalista denuncia que os cambios introducidos na normativa permiten ás mutuas aplicar criterios discrecionais para determinar os gastos que cobren, o que está a provocar unha redución das compensacións por desprazamentos e estancias vinculadas a tratamentos médicos.
Segundo explica Rego, esta situación está a ter “efectos moi lesivos” para as persoas traballadoras, que agora deben asumir custos que antes estaban cubertos. “Falamos de persoas que precisan desprazarse regularmente, ás veces con acompañantes, e que agora teñen que afrontar gastos básicos derivados da súa atención sanitaria”, sinalou.
O deputado alerta de que, tras a entrada en vigor do decreto, as mutuas están a substituír o pagamento íntegro destes gastos por achegas mínimas condicionadas a decisións dunha comisión, o que considera un “recorte encuberto”.
Neste contexto, o BNG considera que o Ministerio de Inclusión e Seguranza Social é consciente do impacto negativo desta medida e critica que non se estean adoptando solucións para revertela.
A formación nacionalista reclama a derrogación inmediata da disposición que permite esta situación e a recuperación do marco anterior, garantindo que as mutuas asuman a totalidade dos gastos derivados dos tratamentos.
“Non se pode permitir que as mutuas recorten dereitos nin descarguen sobre as persoas traballadoras custos que deben ser cubertos por elas”, afirmou Rego, que urxe ao Goberno a actuar para evitar situacións de desprotección.