O BNG pide medidas urxentes para facilitar o voto da emigración

Entre os problemas detectados figuran as longas colas e os tempos de espera de varias horas para poder votar, derivados fundamentalmente do reducido número de lugares habilitados
voto-por-correo-recurso
23 Nov 2026

O BNG solicita á Xunta Electoral a adopción de medidas urxentes para facilitar o voto CERA tras constatar as longas colas nos consulados e embaixadas de Europa e América latina, con tempos de espera para poder depositar a papeleta que non teñen precedentes coñecidos, o que leva á formación nacionalista a advertir das dificultades que están a atopar moitas galegas e galegos residentes no exterior para exercer o seu dereito ao voto.

Entre os problemas detectados figuran as longas colas e os tempos de espera de varias horas para poder votar, derivados fundamentalmente do reducido número de lugares habilitados para a votación; as incidencias coa documentación electoral, que nalgúns casos non chegou completa e obriga as persoas afectadas a realizar xestións nos propios consulados; e os horarios de atención reducidos, especialmente durante as fins de semana.

Por este motivo, o BNG solicita á Xunta Electoral que se adopten as medidas necesarias para garantir o exercicio efectivo do dereito ao sufraxio, tendo en conta as dificultades comunicadas e a necesidade de facilitar a participación electoral da cidadanía residente no exterior. Asemade, o Bloque reclama ao Goberno central unha mellor planificación e unha resposta á altura da elevada participación que se está a rexistrar, mediante a ampliación dos horarios de votación e, de ser necesario, dos días habilitados para exercer o dereito ao voto.

O BNG considera que esta situación evidencia deficiencias de planificación que deberían terse previsto. Por unha banda, a documentación electoral non chegou completa a unha parte do electorado CERA, obrigando moitas persoas a resolver estas incidencias nos consulados. Por outra, o peche e a redución de centros consulares durante os gobernos de Mariano Rajoy diminuíron a capacidade de atención, unha realidade que o Goberno de Pedro Sánchez debería ter tido en conta ante o importante incremento de persoas que adquiriron a nacionalidade española nos últimos anos.

A negativa a habilitar mesas electorais adicionais tampouco contribúe a resolver unha situación que está a poñer dificultades engadidas ao exercicio dun dereito fundamental. O dereito ao voto da emigración debe estar garantido en condicións adecuadas e non pode depender da capacidade de cada persoa para soportar horas de espera nin verse limitado por unha planificación insuficiente dos medios e recursos necesarios para facelo efectivo.

2.0602838993073