O BNG pide unha reflexión de país para avanzar cara un modelo forestal e un rural vivo que freen os lumes

O BNG empraza ao Goberno do PP e a todas as forzas políticas no Parlamento galego a realizar “unha reflexión profunda” como País para “cambiar o rumbo” e evitar novas traxedias como a que estes días afecta especialmente ás comarcas ourensás. A formación nacionalista defende avanzar cara unha xestión forestal adecuada, un monte ordenado e un rural vivo e produtivo co que frear a proliferación e os efectos dos incendios forestais.
A proposta foi exposta pola deputada Ariadna Fernández, quen transmitiu a “especial preocupación” do BNG ante a emerxencia e o “máximo apoio e solidariedade” ás persoas afectadas e ao persoal que traballa sen descanso para minimizar os danos. “A prioridade neste momento é que a traxedia remate, e temos que facelo de maneira conxunta, unidos”, afirmou, subliñando a “actitude de máxima colaboración” do BNG para facer fronte á vaga de lumes.
Fernández insistiu en que, unha vez finalice a emerxencia, será necesario realizar unha análise profunda sobre a proliferación de grandes incendios, preguntándose “que está a ocorrer no monte galego” e como cambiar a situación. Apuntou que, ademais da influencia do cambio climático, contribúen o despoboamento do rural, a falta de actividade agrogandeira, a aposta polo monocultivo de especies pirófitas e a acumulación de biomasa descontrolada.
“Ou revitalizamos o rural con empresas ligadas ao territorio e que o respecten ou estaremos abocados ao que está sucedendo agora mesmo”, advertiu, reclamando unha nova estratexia adaptada ao rural actual e máis prevención a través do uso racional do monte e a súa multifuncionalidade.
A deputada instou ao Goberno galego a aprender dos incendios de Portugal en 2017, que deixaron máis de 60 mortos, e alertou de que “agora mesmo vivimos unha situación de colapso”. Concluíu advertindo que, se non se reformula o modelo forestal, “Galiza seguirá ardendo ano tras ano”.