O BNG presenta a campaña do 8M baixo o lema ‘Mulleres á fronte’ fronte ao avance do negacionismo machista

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou a campaña do 8M baixo o lema ‘Mulleres á fronte’, cunha chamada ás mulleres galegas a situarse na primeira liña da defensa dos seus dereitos nun contexto que cualificou de “rearme do machismo”.
No acto, no que estivo acompañada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e pola responsábel de Acción Feminista do BNG, Noa Presas, Pontón advertiu dunha “involución moi forte” que cuestiona o feminismo e a loita pola igualdade.
A líder nacionalista puxo o foco na persistencia da fenda salarial —que cifrou en 4.706 euros—, na maior taxa de temporalidade das mulleres galegas respecto da media estatal e no feito de que o 80% das excedencias por coidados seguen a ser solicitadas por mulleres.
Pontón criticou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por incumprir os plans de igualdade e por, ao seu xuízo, situarse “do lado do machismo” en distintos episodios políticos. Tamén denunciou a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade e do Instituto Galego das Mulleres, así como a caducidade de programas como o Plan galego de conciliación ou o Plan contra a explotación sexual.
Entre as propostas do BNG para este 8M figuran a creación dun servizo público de coidado de menores a domicilio como ferramenta de conciliación, a ampliación da rede pública de escolas infantís de 0 a 3 anos e a posta en marcha dun Instituto Galego das Mulleres.
A formación tamén propón que a Xunta deixe de ser “unha máquina de producir traballo precario”, especialmente no ámbito dos coidados, mediante auditorías retributivas ás empresas subcontratadas e sancións ás que discriminen salarialmente.
O cartel da campaña, obra da ilustradora Julia Lago, representa “unha gran matrioska formada por mulleres diversas”, simbolizando a pluralidade e a forza colectiva do movemento feminista.
No turno de preguntas, Pontón tamén se referiu á situación internacional en Oriente Próximo e á folga na sanidade pública galega, reclamando máis recursos para o Sergas e diálogo co persoal sanitario.