O BNG presenta a campaña do Día da Patria baixo o lema “Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía”

O BNG chama a encher as rúas de Santiago este 25 de xullo cunha campaña que inclúe preto de cen actos por todo o país e que reivindica soberanía para decidir sobre os recursos, o territorio e os dereitos do pobo galego.
Galiza Sempre
14 Jul 2025

A secretaria de Organización do BNG, Lucía López, e a responsable da área de Comunicación, Olalla Rodil, presentaron este venres en Santiago a campaña do Día da Patria Galega, que este 2025 se desenvolverá baixo o lema “Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía”. O Bloque celebrará preto de cen actos públicos, ruadas e actividades que culminarán o 25 de xullo coa tradicional manifestación en Santiago de Compostela.

Desde o BNG fan un chamamento á participación masiva para “celebrar o orgullo de sermos galegas e galegos” pero tamén para “reivindicar a construción dun futuro mellor para Galiza”.

Lucía López lembrou que o Día da Patria é “moito máis ca unha data simbólica”, e representa “a vontade do pobo galego de avanzar cara a un marco político no que Galiza poida exercer plenamente os seus dereitos”, xestionando os seus recursos “ao servizo das maiorías sociais”.

Olalla Rodil destacou o valor simbólico desta edición ao coincidir co “Ano Castelao”. O lema da campaña homenaxea a figura do intelectual galeguista como guieiro na defensa dos dereitos nacionais e sociais do pobo galego. O cartel da campaña, obra dos artistas Pruden e Lúa, inclúe tamén referencias a loitas actuais como a oposición ao proxecto de Altri.

O BNG enmarca esta campaña nun contexto de deterioro social e económico, con perda de poboación, precariedade laboral e ataques ao territorio. Critican que o modelo do PP actúe como “axente comercial das multinacionais”, mencionando o espolio eólico ou a ameaza da mina de Touro-O Pino.

Por iso, reclaman soberanía para que Galiza poida decidir sobre a súa riqueza enerxética, produtiva e económica, e destinala ao ben común: “Queremos servizos públicos fortes, vivenda digna, coidados como dereito, igualdade real e unha lingua viva e normalizada”.

No plano internacional, o BNG defenderá tamén causas como a palestina, denunciando “o xenocidio do Estado de Israel contra o pobo palestino coa complicidade da UE e EE. UU.”. Rodil reafirmou o carácter pacifista, antiimperialista e antimilitarista do Bloque nun contexto de retrocesos democráticos e medre do autoritarismo.

“O Día da Patria Galega é moito máis ca unha manifestación”, concluíron, “é un gran exercicio de mobilización no que conflúen todas as loitas: a defensa da terra, da lingua, dos dereitos sociais, do feminismo, da diversidade, da paz e da soberanía”.

⚙ Configurar cookies
0.2591872215271