O BNG propón cinco medidas urxentes para protexer as traballadoras do SAF fronte ao acoso e blindar o servizo

O BNG vén de rexistrar no Parlamento unha nova iniciativa para instar á Xunta a blindar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e protexer as súas traballadoras fronte a situacións de acoso e agresión. A viceportavoz Olalla Rodil reclamou ao Goberno do PP que abandone as “palabras bonitas e baleiras” e aplique cambios normativos concretos que se publiquen no DOG.
Rodil lembrou que estas mulleres, que prestan coidados a máis de 23.000 persoas en Galicia, traballan moitas veces soas e sen protección, asumindo riscos físicos e emocionais. Criticou que tras o asasinato de Teresa de Jesús no Porriño, a resposta da Xunta se limitase a pedir que denuncien.
A proposta inclúe cinco medidas perfectamente viables, segundo o BNG:
Elaborar protocolos de prevención e actuación ante agresións, violencia machista ou discriminación, consensuados coa FEGAMP, universidades e representación sindical.
Incrementar o financiamento do SAF, até os 17 €/h con carácter inmediato e retroactivo desde xaneiro, co obxectivo de chegar aos 25 €/h en 2027.
Cubrir tamén os custos laborais do persoal técnico e administrativo, modificando o cálculo do prezo/hora.
Reducir o número de persoas usuarias por técnico/a, modificando os rateos establecidos.
Impulsar un novo convenio colectivo con condicións laborais e salariais dignas, despois de 12 anos co actual caducado.
Rodil denunciou que o Goberno do PP non moveu ficha desde 2012 e que moitas destas traballadoras cobran 1.200 euros, sen compensación por quilometraxe e sen recoñecemento como persoal sociosanitario.