O BNG propón crear o Fondo Cantares Galegos con 500.000 euros anuais para apoiar a creación artística

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo a creación do Fondo Cantares Galegos, dotado con 500.000 euros anuais, co obxectivo de apoiar e fomentar a creación artística galega fronte á situación de “desamparo” que, ao seu xuízo, padecen moitos creadores e creadoras do país.
Pontón presentou esta iniciativa en Santiago durante o acto organizado polo Bloque con motivo do Día de Rosalía, no que reivindicou a figura de Rosalía de Castro como guía do nacionalismo galego e símbolo dun pobo “que se quere e se defende”.
Ademais do fondo, a líder nacionalista defendeu a creación do Instituto Rosalía para a promoción internacional da lingua e da cultura galegas, así como o impulso dunha rede “real e virtual” arredor da escritora, que conecte espazos, entidades e persoas vinculadas ao seu legado.
Axudas directas e residencias artísticas
Segundo explicou Pontón, o Fondo Cantares Galegos incluiría axudas directas á creación tanto para traxectorias consolidadas como para novos talentos menores de 35 anos, ademais dun programa de residencias artísticas e literarias.
A portavoz nacional subliñou que a cultura galega continúa a medrar “viva e diversa” a través da literatura, o cinema, as artes plásticas, a danza ou o teatro, malia as dificultades. “Rosalía deixounos unha herdanza inmensa que segue vixente”, afirmou.
Críticas á Xunta e ao proxecto de Altri
Durante a súa intervención, Pontón asegurou que Rosalía “celebraría o triunfo do pobo galego fronte ao tándem PP-Altri”, en referencia ao arquivo do proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei.
A líder do BNG cualificou esa decisión como “un triunfo da dignidade” fronte ao que considerou un intento de “colocar unha bomba ambiental no corazón do rural”. Tamén advertiu que o seu grupo estará “vixiante” para evitar que o proxecto poida reactivarse.
Pontón reclamou transparencia á Xunta sobre os acordos asinados coa empresa a través da Sociedade Impulsa e insistiu na necesidade de reforzar a protección da lingua galega, denunciando o que cualificou de “exclusión” do galego en determinados ámbitos educativos.