O BNG propón crear unha Oficina Antifraude independente para combater a corrupción política

Luís Bará defende a creación dun organismo autónomo para investigar casos de corrupción e conflitos de interese na administración galega
Luis Bara
2 Jul 2025

O BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para propoñer a creación dunha Oficina Antifraude e de Loita contra a Corrupción con plena independencia do poder político. O viceportavoz Luís Bará asegurou que Galiza non está á marxe da “corrupción sistémica” que afecta aos grandes partidos do bipartidismo e que esta oficina permitiría investigar casos como o uso ilegal de contratos menores ou o trato de favor a empresas como Altri.

A proposta nace ante a preocupación social xerada polos últimos escándalos de corrupción, e polo impacto que estes delitos teñen sobre o sistema democrático, danando a confianza cidadá e favorecendo discursos populistas da extrema dereita.

Bará reclamou “máxima transparencia” e que se asuman responsabilidades políticas e xudiciais nos casos que sexa necesario. Tamén lembrou precedentes como a Gürtel ou as sancións da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia a empresas contratistas da Xunta.

A nova oficina tería tres obxectivos principais: investigar casos de corrupción e mal uso de fondos públicos; previr conflitos de interese derivados das funcións do persoal público; e exercer de mecanismo de protección para persoas informantes, tal e como establece a lei dende 2023.

Entre os asuntos que deberían ser investigados figuran o abuso na contratación menor, a existencia de contratos con só un ofertante e os conflitos de interese entre altos cargos da Xunta e empresas contratadas. O BNG tamén denuncia a ocultación do contrato entre a Xunta e Altri como exemplo de falta de transparencia.

Galiza figura entre as peores comunidades no Índice Europeo de Calidade dos Gobernos, segundo a Universidade de Gotemburgo. Bará sinala que a proposta do BNG segue modelos similares aos xa implantados en Cataluña ou a Comunidade Valenciana antes da súa desactivación polos gobernos do PP e a ultradereita.

⚙ Configurar cookies
0.29499101638794