O BNG propón no Congreso transferir á Galiza os activos da SAREB para vivenda pública

Néstor Rego defendeu no Congreso a iniciativa do BNG para mobilizar máis de 4.000 inmóbeis da SAREB en Galiza e integralos no parque público de vivenda, co obxectivo de garantir fogares dignos a prezos xustos.
Nestor Rego
24 Sep 2025

O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu no pleno do Congreso a iniciativa nacionalista que procura transferir á Galiza os activos da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB). O obxectivo, explicou, é dar resposta á emerxencia habitacional garantindo vivenda digna a través da mobilización de máis de 4.000 inmóbeis —entre vivendas, solos e promocións— e a súa incorporación ao parque público galego.

Rego chamou ao resto de forzas políticas a apoiar a proposta, que tamén solicita medidas para limitar a suba dos alugueiros e mecanismos de financiamento suficiente ás comunidades autónomas para desenvolver políticas de vivenda pública, especialmente en réxime de alugueiro social e accesíbel.

A iniciativa inclúe catro puntos principais:

Transparencia sobre os activos inmobiliarios en mans da SAREB e os xa transferidos á SEPES, detallando a súa situación nos concellos e comunidades.

Transferencia gratuíta destes activos á Xunta da Galiza, concellos ou outras comunidades autónomas que o soliciten, para a súa xestión e planificación en materia de vivenda pública.

Establecemento de medidas efectivas que limiten os prezos do alugueiro e eviten subas descontroladas.

Fixación de mecanismos de financiamento que permitan ampliar o parque público de vivenda, con especial atención ao alugueiro social e accesíbel.

⚙ Configurar cookies
0.26568818092346