O BNG propón un bono único de transporte por 30 euros ao mes e axudas para gafas e audiófonos ás persoas con ingresos por baixo do SMI

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, presentou o programa Vida Digna, unha batería de medidas de choque para facer fronte á carestía da vida, centradas na mobilidade, a enerxía, as pensións e o acceso á vivenda.
Luis Bara
14 Jan 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou o programa Vida Digna, unha batería de medidas de choque deseñada polo goberno alternativo do Bloque para axudar á cidadanía a afrontar a carestía da vida, especialmente ás persoas e familias con menos recursos.

Entre as propostas centrais figura a creación dun bono único de transporte en Galicia por 30 euros ao mes, que permitiría empregar distintos medios de transporte público —autobuses e transporte de ría— e negociar a incorporación das liñas interiores de ferrocarril. Xunto a isto, o BNG propón sufragar a compra de gafas e audiófonos ás persoas con ingresos que non superen o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), ao considerar estes elementos imprescindibles para a saúde e o benestar.

O plan inclúe tamén duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas, recuperar o complemento autonómico do bono social eléctrico e térmico e establecer axudas complementarias para vivenda, un dos ámbitos que o Bloque sinala como principal factor de exclusión social na actualidade.

Pontón advertiu de que o incremento dos prezos está a dificultar cada vez máis cubrir necesidades básicas. Segundo datos oficiais citados pola líder nacionalista, a metade da poboación galega tivo que reducir gastos para chegar a fin de mes, un 15 % recortou en alimentación e preto de 130.000 persoas destinan máis do 40 % dos seus ingresos ao alugueiro. Ademais, lembrou que arredor do 21 % da cidadanía sofre pobreza enerxética.

No ámbito da alimentación, o BNG propón recuperar a tarxeta básica para a compra de alimentos frescos e bens de primeira necesidade, beneficiando a arredor de 8.000 persoas. Esta medida requiriría reformar a Lei galega de Inclusión Social para regular este recurso como apoio de emerxencia mentres non se perciben prestacións como a Risga ou o Ingreso Mínimo Vital.

En materia de vivenda, o Bloque aposta pola declaración de zonas tensionadas nos concellos de máis de 10.000 habitantes con fortes subas do alugueiro, a compra pública de vivenda xa construída para destinala a alugueiro e unha prestación complementaria para persoas beneficiarias da Risga ou do IMV.

“A primeira obriga dun goberno é dar solucións aos problemas que afectan ao día a día da xente”, subliñou Pontón, que contrapuxo estas propostas á falta de alternativas do Goberno do PP e defendeu o plan Vida Digna como unha resposta inmediata para mellorar as condicións de vida da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.32562398910522