O BNG propón un orzamento europeo centrado na cidadanía e nos sectores produtivos fronte ao incremento do gasto militar

Ana Pontón e Ana Miranda denuncian o “orzamento de guerra” presentado pola Comisión Europea para 2028-2034, que recorta fondos clave para o agro e a pesca galega, e anuncian unha ofensiva institucional para garantir recursos e autogoberno.
Ana Miranda
22 Jul 2025

O BNG presentou este luns a súa oposición frontal á proposta de orzamento europeo 2028-2034, que cualifica como “orzamento de guerra” por priorizar o gasto militar fronte ás necesidades da cidadanía. Ana Pontón e Ana Miranda advertiron dos “brutais recortes” en sectores estratéxicos como o agro e a pesca, así como do risco de centralización dos fondos en mans dos Estados.

Pontón criticou a “euforia armamentística” da Comisión Europea e instou a apostar por máis recursos para gandeiros, mariñeiros, mariscadoras e servizos públicos. Lamentou que a proposta reduza un 30% a PAC e recorte máis de 4.000 millóns no Fondo de Pesca, “un golpe directo a Galiza”.

A portavoz nacional tamén alertou da intención da UE de recentralizar a xestión de fondos, retirando ás autonomías competencias clave, como xa aconteceu cos fondos Next Generation. Neste sentido, anunciou unha ofensiva institucional do BNG tanto no Parlamento galego como no Congreso, Senado e Parlamento Europeo.

Pola súa parte, Ana Miranda explicou que o proxecto da Comisión quintuplica o gasto militar e absorbe o fondo pesqueiro dentro da PAC sen orzamento claro. Cualificou de “desleixo total” que non se calculasen os recursos para o mar galego. Ademais, denunciou a reorientación dos fondos de transporte, como o Connecting Europe, cara a usos militares, o que podería prexudicar a conexión ferroviaria con Portugal.

A eurodeputada galega comprometeuse a trasladar esta realidade ao Parlamento Europeo e loitar por un “orzamento xusto para Galiza”.

⚙ Configurar cookies
0.18254494667053