O BNG propón unha empresa pública e unha flota propia en Galicia para xestionar os plans alternativos de transporte de Renfe

A senadora do Bloque Nacionalista Galego, Carme da Silva, reclamou ao Goberno do Estado unha aposta decidida polo sector público na xestión dos Plans Alternativos de Transporte (PAT) de Renfe. A nacionalista propón a creación dunha empresa “100% pública” e unha flota propia con base na Galiza para garantir un servizo eficaz e adaptado ás necesidades do territorio.
Segundo explicou, as incidencias rexistradas nas últimas semanas na rede ferroviaria galega, especialmente durante os temporais, puxeron de manifesto a necesidade de reforzar os mecanismos de resposta ante interrupcións do servizo. O BNG lembra que durante os temporais da primeira semana de febreiro, cando se decidiu cortar a circulación ferroviaria durante 48 horas desde e cara a Vigo, non se habilitou ningún servizo alternativo por estrada.
Para Da Silva, esta situación evidencia que “non é admisíbel que a Galiza fique illada por decisións unilaterais sen garantir alternativas de mobilidade”, polo que considera necesario reforzar os sistemas de resposta ante cancelacións ou incidencias no servizo ferroviario.
Transparencia na nova licitación
A senadora nacionalista pediu tamén transparencia respecto á nova licitación anunciada por Renfe para os PAT, que prevé a creación dunha sociedade mixta participada nun 49% pola operadora pública e nun 51% por unha empresa privada adxudicataria. O contrato, segundo explicou, tería unha duración de dez anos prorrogábeis por cinco máis e un custo estimado de 61,5 millóns de euros.
Neste sentido, Da Silva reclamou que o Goberno faga públicos os detalles da licitación, incluíndo o tamaño da flota de autobuses prevista, o número de persoas condutoras que integrarán o cadro de persoal, a distribución territorial do servizo e os criterios de adxudicación.
Desde o BNG consideran que a fórmula dunha sociedade mixta pode diluír o control público sobre un servizo esencial para a mobilidade. Por iso, defenden que a mellor opción sería crear unha empresa pública que xestione directamente estes plans alternativos de transporte.
Flota descentralizada con base na Galiza
Ademais da creación desta empresa pública, a formación nacionalista propón establecer unha flota descentralizada con base permanente na Galiza, composta por autobuses e persoal suficiente para responder ás incidencias que se producen con frecuencia na rede ferroviaria galega, especialmente en situacións de temporais ou durante obras prolongadas.
Segundo Da Silva, o obxectivo debe ser garantir que a cidadanía conte con alternativas reais cando se suspenden os servizos ferroviarios. “Non abonda con anunciar un suposto aforro económico do 10% ou 15%. O prioritario é garantir un servizo público eficaz e evitar que a Galiza quede sen alternativas cando se interrompe o tráfico ferroviario”, concluíu.