O BNG propón unha renda galega de inclusión fronte ao aumento da precariedade e da desigualdade

O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, alerta dunha “emerxencia social” en Galicia, con case o 44 % da poboación en risco de exclusión, e acusa ao presidente Alfonso Rueda de mirar para outro lado.
Luis Bara
3 Feb 2026

O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, denunciou a situación de “auténtica emerxencia social” na que se atopa Galiza e anunciou a proposta de creación dunha renda galega de inclusión para facer fronte ao aumento da precariedade e da desigualdade no País.

Segundo explicou Bará, os datos do último informe Foessa amosan unha realidade alarmante: nos últimos seis anos a poboación en situación de vulnerabilidade pasou do 31,1 % ao 43,8 %, o que supón máis de 1.182.000 persoas ao bordo da exclusión social en Galicia.

“Estamos diante dunha emerxencia social e nacional que require dunha resposta áxil e integral por parte do Goberno da Xunta, que nega a realidade e pinta unha Galiza de rosa mentres centos de miles de persoas o pasan mal para chegar a fin de mes”, advertiu o deputado nacionalista.

Bará denunciou que o Goberno do PP mantén bloqueada desde hai case cinco anos a reforma da Lei de Inclusión Social. “É o exemplo máis claro dun goberno insensíbel e dun presidente da Xunta cun corazón de ferro que mira para outro lado mentres as galegas e os galegos as pasan canutas”, afirmou.

Como primeira medida, o BNG vai rexistrar no Parlamento unha proposición de lei para reformar a Lei de Inclusión e permitir a compatibilidade entre a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e o Ingreso Mínimo Vital (IMV), ao considerar que ambas prestacións son insuficientes por separado. Segundo indicou Bará, o IMV só chega ao 51 % das persoas en pobreza severa, mentres que a Risga reduciu á metade o número de persoas beneficiarias, pasando de 25.380 a 13.500.

A proposta nacionalista vai máis alá e inclúe a creación dunha Renda Galega de Inclusión Social e Laboral, concibida como un rendemento básico que integre o conxunto das axudas presentes e futuras. Esta renda contaría con dúas modalidades: unha renda básica dirixida a persoas sen ingresos laborais suficientes e unha renda complementaria para quen, malia ter traballo, non consegue cubrir os gastos básicos.

A iniciativa inclúe tamén unha prestación complementaria de vivenda e a regulación dunha Tarxeta Básica como recurso de emerxencia para garantir o acceso inmediato a produtos de primeira necesidade mentres non se accede a outras axudas. Ademais, o BNG propón programas específicos de loita contra a pobreza dirixidos a colectivos vulnerables como familias monoparentais, persoas con difícil empregabilidade ou poboación migrante.

“É necesario deseñar novos instrumentos para facer fronte á realidade dramática que reflicte o informe Foessa”, concluíu Bará, contrapondo a proposta do BNG á “vagancia” e á “insensibilidade” do Goberno de Alfonso Rueda, ao que acusou de actuar con rapidez só cando se trata de beneficiar ás grandes fortunas.

⚙ Configurar cookies
0.26315808296204