O BNG reclama ao Goberno do Estado paralizar a eólica mariña na Galiza

O Bloque Nacionalista Galego reclamou nas Cortes do Estado a paralización do despregamento da eólica mariña na costa galega e o freo ás poxas previstas polo Goberno estatal mentres non existan informes científicos e socioeconómicos completos que avalen a súa viabilidade e a ausencia de impactos.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou que tanto o Executivo estatal como o galego están avanzando “sen estudos rigorosos e dando as costas ao sector pesqueiro galego”. Ao seu xuízo, resulta “irresponsábel acelerar a implantación da eólica mariña na Galiza cando nin sequera existen análises completas sobre o seu impacto real na pesca, no marisqueo e nos ecosistemas mariños”.
O Bloque lembra que Galiza é a primeira potencia pesqueira do Estado e unha das máis relevantes da Unión Europea, cun sector que, xunto co marisqueo e a actividade mexilloeira, representa arredor do 5 % do PIB galego e constitúe un piar esencial da economía costeira e da soberanía alimentaria.
Rego critica que os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) de segundo ciclo non inclúan estudos específicos sobre pesca e marisqueo nin avalíen o valor social e económico do sector, ademais de non ter en conta os caladoiros históricos afectados polas zonas NOR 1, 2, 3, 4 e 5. Tamén cuestiona que se propoña unha Declaración Inicial Estratéxica única para todas as demarcacións mariñas, sen atender ás diferenzas xeolóxicas, climatolóxicas e biolóxicas entre costas.
O deputado nacionalista advertiu que o Real Decreto 962/2024, que regula a produción de enerxía renovábel no mar e establece o procedemento de concorrencia competitiva, supón “un paso máis na aceleración dun modelo que favorece ao oligopolio eléctrico e deixa nun segundo plano os intereses do pobo galego”.
“O que está en xogo non é só un modelo enerxético, senón o futuro do noso mar, do sector pesqueiro e da biodiversidade mariña. Non se pode avanzar vulnerando o principio de precaución”, afirmou.
Ante esta situación, o BNG demanda desbotar a ampliación de novas zonas para a eólica mariña en Galiza, frear as poxas previstas, modificar os POEM de segundo ciclo e suspender o seu desenvolvemento ata contar con garantías suficientes. Así mesmo, pide que o Goberno do Estado apoie expresamente as reivindicacións da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños.