O BNG reclama excluír a frota artesanal do Regulamento Europeo de Control da Pesca

Rosana Pérez alerta do grave impacto da normativa europea na frota de baixura e reclama realismo para evitar afogar o sector con burocracia pensada para grandes buques.
Rosana Perez
19 Jan 2026

A portavoz de Mar do BNG no Parlamento de Galicia, Rosana Pérez, advertiu das nefastas consecuencias que o Regulamento Europeo de Control da Pesca ten para o sector galego, especialmente para a frota artesanal, á que somete a unha carga burocrática e a obrigas “inasumibles”.

A deputada nacionalista reclamou realismo e sentido común á hora de aplicar esta normativa, lembrando que a partir de 2030 as esixencias se estenderán a todos os barcos de menos de nove metros de eslora, que constitúen a maioría da frota de marisqueo e baixura en Galicia. “Este non é un regulamento nin para a nosa frota artesanal nin para as nosas rías. Está pensado para outro tipo de barcos máis grandes e non recoñece a realidade do noso sector”, advertiu.

Rosana Pérez lembrou que tanto o PP como o PSOE aprobaron este regulamento a nivel europeo e esixiulles que, coa maioría da que dispoñen, impulsen agora o que o BNG leva tempo reclamando: a exclusión da frota artesanal destas obrigas. “Mentres non se produza esa exclusión, cómpre adaptar a norma para evitar a desaparición da frota artesanal galega”, sinalou.

A portavoz do BNG subliñou tamén a necesidade de reformular o sistema de infraccións e sancións, xa que calquera incumprimento podería deixar ás embarcacións sen acceso a axudas de fondos europeos. Neste sentido, explicou que o Bloque xa presentou iniciativas para reclamar ao Goberno de Rueda que exerza as súas competencias exclusivas en augas interiores e defenda normas propias de control adaptadas á realidade galega.

Así mesmo, instou á Xunta a demandar ao Executivo estatal que negocie coa Comisión Europea a exclusión da frota artesanal das obrigas do regulamento, que non ten en conta a singularidade das frotas de baixura galegas.

Galicia conta cunha frota de máis de 3.500 embarcacións, a maioría de menos de 12 metros de eslora, que desenvolven unha actividade respectuosa co medio e que resulta clave para a economía das vilas costeiras, a fixación de poboación e a xeración de emprego. “Non se pode encher de burocracia un sector no que a tripulación é escasa e no que os propios patróns tamén son mariñeiros”, advertiu.

O BNG manifestou o seu apoio ás mobilizacións do sector que se están a producir desde comezos de ano en distintos puntos da costa galega, en rexeitamento, entre outras cuestións, da obrigatoriedade do diario electrónico para barcos de menos de 12 metros, que obriga a realizar múltiples comunicacións diarias sobre as capturas. Pérez cualificou esta esixencia de “inasumible” e afastada da realidade da frota artesanal.

⚙ Configurar cookies
0.36522912979126