O BNG reclama medidas para garantir a igualdade no deporte e frear discriminacións ás mulleres e ao colectivo LGTB

O BNG defenderá esta semana no Pleno do Parlamento galego unha reforma da Lei do Deporte de Galiza para introducir medidas efectivas de igualdade entre homes e mulleres, así como para combater a discriminación no deporte por razón de xénero ou orientación sexual. O deputado Iago Suárez será o encargado de presentar a proposta, que inclúe accións como o impulso das seleccións femininas, a creación dun punto lila, o equilibrio nas retransmisións deportivas ou a igualdade nos premios financiados pola Xunta.
“Temos unha lei do ano 2012 que non se adapta á realidade actual. É preciso actualizar o marco legal para introducir principios de igualdade e equidade nas federacións deportivas e garantir orzamentos que combatan a fenda de xénero”, explicou Suárez.
Segundo datos oficiais, só o 25 % das persoas federadas en Galiza son mulleres, e en deportes como o fútbol a porcentaxe baixa ata o 8 %. Para corrixir esta desigualdade estrutural, o BNG propón a creación da Comisión Galega de Igualdade no Deporte cunha representación mínima do 50 % de mulleres, e a posta en marcha dun Punto Lila para denunciar situacións de violencia ou discriminación no ámbito deportivo.
A reforma tamén contempla obrigar aos clubs e federacións a cumprir preceptos de igualdade como condición para recibir axudas públicas, garantir a igualdade salarial entre deportistas homes e mulleres cando realicen o mesmo traballo, e promover campañas de concienciación e conciliación para mulleres deportistas.
Para o Bloque, é “inadmisible” que a CRTVG non equilibre a retransmisión de eventos deportivos femininos e masculinos, e que os premios públicos teñan diferentes dotacións económicas segundo o sexo da persoa deportista. Suárez defende que “Galiza precisa unha nova lei para o deporte do século XXI, inclusivo, igualitario e libre de discriminacións”.