O BNG reclama o apoio do Estado para impulsar o Museo da Romanización de Galicia en Lugo

Néstor Rego pide compromiso institucional e financiamento para rehabilitar o Cuartel de San Fernando a través do programa 2 % Cultural
Cuartel-San-Fernando-Museo-Romanización-Lugo
4 Apr 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou diversas iniciativas na Cámara baixa co obxectivo de instar ao Goberno do Estado a amosar o seu compromiso co proxecto de creación do Museo da Romanización de Galicia. A formación nacionalista solicita que o antigo Cuartel de San Fernando, situado na cidade de Lugo, sexa incluído na convocatoria do programa 2% Cultural.

A iniciativa chega despois de que o pasado 13 de febreiro de 2026 o Concello de Lugo formalizase ante o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana a súa candidatura a este programa, coa finalidade de rehabilitar este inmoble histórico e transformalo nun espazo de referencia para a conservación, investigación e divulgación do legado romano-castrexo de Galicia. Porén, desde o BNG advirten de que a administración local non pode asumir en solitario o custo desta actuación, cifrado en 15,2 millóns de euros, polo que consideran imprescindible a implicación doutras administracións.

Neste contexto, Rego critica a falta de compromiso da Xunta de Galicia, á que acusa de levar anos desatendendo un proxecto que cualifica de estratéxico tanto para Lugo como para o conxunto do país, malia ter as competencias en materia de patrimonio cultural.

O deputado nacionalista defende que a creación do Museo da Romanización de Galicia resulta especialmente acaída para unha cidade que destaca polo seu legado histórico, cunha muralla romana recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO desde o ano 2000, e que, segundo sinala, aínda non dispón dun espazo museístico que poña en valor este patrimonio de forma integral.

O BNG considera que o Goberno estatal debe valorar favorablemente a proposta presentada polo Concello de Lugo e facilitar o acceso ao financiamento do programa 2% Cultural, garantindo unha subvención que podería acadar até o 75% do investimento previsto.

Rego insiste en que o Executivo central debe implicarse de maneira clara nesta iniciativa, ao entender que o Concello non pode asumir en solitario a rehabilitación e acondicionamento do Cuartel de San Fernando. Ao seu xuízo, trátase dunha oportunidade para reactivar un proxecto paralizado durante anos, que conta coas instalacións necesarias pero que continúa en situación de abandono pola falta de vontade política doutras administracións.

Finalmente, o deputado subliña que Lugo precisa desta infraestrutura para completar a súa oferta cultural e turística, reforzar a súa ruta arqueolóxica e poñer en valor o seu destacado patrimonio histórico.

0.40322279930115