O BNG reclama unha moratoria do Regulamento Europeo de Control da Pesca para a frota artesanal

O Bloque Nacionalista Galego reclamou este domingo flexibilidade e unha moratoria inmediata na aplicación do Regulamento Europeo de Control da Pesca á frota artesanal, durante as concentracións convocadas polo sector pesqueiro galego en distintos puntos do país.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advertiu do grave impacto que terá esta normativa sobre a pesca de baixura, ao tratarse dun regulamento “hiperregulador, alleo á realidade das rías galegas e pensado para grandes buques industriais”, que introduce unha carga burocrática e tecnolóxica inasumíbel para pequenas embarcacións con tripulacións reducidas.
Durante as mobilizacións, celebradas tamén na A Coruña, Rego estivo acompañado polo portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, a concelleira e deputada provincial Avia Veira, así como polas deputadas provinciais Sol Agra e Natividade González, entre outros cargos da organización nacionalista.
O deputado nacionalista subliñou que non se pode esixir á frota artesanal que cumpra obrigas pensadas para grandes buques: “Non se pode pretender que quen está a pescar estea ao mesmo tempo cubrindo diarios electrónicos, facendo comunicacións constantes e realizando pesados exactos en condicións imposíbeis”.
Rego lembrou que o Regulamento foi aprobado en outubro de 2023 co apoio de PP e PSOE, sen atender ás advertencias do sector nin ás iniciativas presentadas polo BNG tanto no Parlamento galego como nas Cortes do Estado. “Ignórase deliberadamente a singularidade da frota artesanal, unha pesca sustentábel, respectuosa co medio e fundamental para a economía e a fixación de poboación no litoral”, afirmou.
Entre as medidas máis contestadas polo sector, destacou a obrigatoriedade do diario electrónico, xa en vigor desde o 10 de xaneiro para os buques de máis de 12 metros e que se estenderá progresivamente, a partir de 2030, ás embarcacións de menos de nove metros, maioritarias na baixura galega. “Exixir até oito comunicacións por xornada e declarar todas as capturas, independentemente do seu volume, é simplemente inasumíbel”, denunciou.
Tamén cualificou de “absolutamente irrealista” a obriga de comunicar a chegada a porto cunha antelación mínima de dúas horas e media, cando a maioría da frota artesanal faena a pouca distancia da costa e depende das condicións meteorolóxicas.
Ademais, mostrou a súa preocupación polo novo réxime de infraccións e sancións, que pode supor a perda de axudas europeas por incumprimentos formais, así como pola posible extensión de sistemas de control como as cámaras a bordo.
Néstor Rego avanzou que o BNG xa rexistrou iniciativas no Congreso para reclamar unha moratoria na aplicación do Regulamento á frota artesanal mentres non se adapte á súa realidade, así como para reducir a carga burocrática, recuperar sistemas simplificados de pesado e flexibilizar a comunicación de chegada a porto.
Finalmente, defendeu que na próxima revisión da Política Pesqueira Común se estableza unha diferenciación clara entre pesca artesanal e industrial, atendendo non só á eslora, senón tamén á duración das mareas, ás artes empregadas ou ao número de tripulantes. “O BNG está co sector nas rúas e nas institucións”, concluíu.