O BNG reivindica as bonificacións da AP-53 no seu primeiro aniversario como exemplo de “política útil”

O Bloque Nacionalista Galego reivindicou o impacto das bonificacións da AP-53 coincidindo co primeiro aniversario da súa entrada en vigor, cualificándoas como un exemplo de “política útil” ao servizo da cidadanía.
A senadora Carme da Silva destacou que estas rebaixas, que poden alcanzar até o 75%, supoñen un importante alivio económico para as persoas usuarias dunha infraestrutura clave para a mobilidade en Galicia.
Segundo explicou, as persoas usuarias recorrentes poden aforrar máis de 5.000 euros anuais no caso de vehículos pesados, mentres que nos vehículos lixeiros o aforro sitúase arredor dos 3.800 euros.
Da Silva puxo en valor que estas bonificacións, conseguidas no Acordo de Investidura, permitiron tamén incrementar o uso da autoestrada e mellorar a seguridade viaria ao reducir o tráfico na N-525.
A senadora subliñou que esta medida corrixe unha situación de agravio histórico, xa que a AP-53 era a única autoestrada galega sen descontos. “O BNG conseguiu acabar cunha inxustiza que levaba anos penalizando ás comarcas do interior”, afirmou.
Ademais do aforro económico, destacou o impacto positivo na actividade económica e na competitividade das empresas, especialmente no sector do transporte.
Pola súa parte, a voceira do BNG en Silleda, Erea Rei, exemplificou estes beneficios cun caso concreto: unha persoa usuaria habitual entre Silleda e Santiago pode pagar arredor de 47,85 euros ao mes fronte aos máis de 190 euros sen bonificacións.
Desde o BNG sinalan que este foi un primeiro paso e avanzan que seguirán traballando para lograr a eliminación total das peaxes nesta infraestrutura.