O BNG rexeita o aumento do gasto militar proposto por Sánchez e a UE

O Bloque Nacionalista Galego defende a resolución pacífica dos conflitos e denuncia que o incremento do gasto en armamento irá en detrimento das políticas sociais
Nestor Rego
12 Mar 2025

O BNG expresou o seu rexeitamento á proposta do presidente do Goberno de aumentar o gasto militar no marco da Unión Europea, apostando unha vez máis pola vía pacífica e o diálogo para a resolución de conflitos. Segundo alertou o deputado nacionalista Néstor Rego, esta decisión suporá un recorte nas políticas sociais e beneficiará os intereses do lobby armamentístico estadounidense.

O Bloque anunciou que defenderá a prioridade do benestar da cidadanía fronte a quen busca favorecer os intereses dos Estados Unidos e da industria militar.

Hipocrisía da UE e silencio ante as intervencións de EE.UU.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou a hipocrisía da Unión Europea, que permanece en silencio ante as políticas inxerencistas e expansionistas dos Estados Unidos. "Non houbo reacción por parte da UE cando se produciu unha ameaza directa en Palestina, en Panamá ou mesmo en Groenlandia, territorio pertencente a un estado membro como Dinamarca", sinala Rego.

En cambio, subliña, si hai resposta cando se trata de aumentar a escalada militar e apoiar o incremento do gasto en armamento. Segundo Rego, aínda que a UE aparentemente rexeita as esixencias de EE.UU., acaba facendo o que quere Washington: "Fixérono Biden, alimentando a maquinaria bélica, e agora faino Trump exixindo o aumento do gasto militar".

Menos gasto en armas, máis investimento en benestar

O BNG denuncia que este aumento do gasto militar suporá unha redución dos recursos destinados ás políticas sociais. "Defendemos e defenderemos priorizar o benestar da cidadanía fronte a quen busca favorecer os intereses dos Estados Unidos e do lobby armamentístico norteamericano", subliña Rego.

O deputado sinalou que dos 800.000 millóns de euros que se pretenden destinar ao gasto militar, polo menos un 60 % acabará en mans do complexo militar-industrial estadounidense, mentres as necesidades sociais da cidadanía seguen sen resposta.

"Témo-lo claro: se hai que escoller entre hospitais e bombas, o BNG escolle hospitais. Se hai que escoller entre escolas e mísiles, o BNG elixe escolas. E entre vivendas ou tanques, escollemos vivendas", enfatizou Rego.

⚙ Configurar cookies
0.089917898178101