O BNG rexeita o convenio da Xunta sobre prevención de incendios e pide reabrir a negociación

O BNG e o PSdeG votan contra a proposta da Xunta na Comisión Executiva da FEGAMP por considerala insuficiente. Reclaman protección dos núcleos rurais, un modelo permanente de brigadas e que Medio Rural asuma notificacións e sancións.
BNG
6 Dec 2025

O BNG votou en contra da proposta de convenio da Xunta para a xestión da prevención de incendios na Comisión Executiva da FEGAMP, ao considerala “insuficiente” e afastada das necesidades reais dos concellos. A organización nacionalista reclamou reabrir a negociación e incorporar medidas clave como a protección dos núcleos rurais, a asunción por parte da Consellería de Medio Rural dos procesos de notificación e sanción e o paso a un modelo permanente e profesionalizado para os efectivos de extinción.

Segundo trasladaron os representantes nacionalistas, a proposta presentada pola Xunta pretende “eludir responsabilidades” e trasladar aos concellos unha carga administrativa e operativa “que non lles corresponde”, obrigándoos a asumir as deficiencias do sistema actual de prevención. O BNG insistiu en que o convenio debe incluír intervencións non só nas faixas secundarias, senón tamén nas parcelas abandonadas dentro dos núcleos de poboación. Lembraron que este verán foron precisamente estes espazos os que concentraron maior risco, chegando a requirir 525 intervencións das brigadas.

O BNG defendeu que a Xunta debe asumir por completo as notificacións, tramitacións e sancións relativas á limpeza de parcelas, xa que estes procedementos supoñen unha carga inasumible para os concellos máis pequenos. Tamén instou á administración autonómica a negociar co Catastro para actualizar datos que permitan identificar ás persoas propietarias.

En canto ao modelo de brigadas, os representantes nacionalistas —o alcalde de San Sadurniño, Secundino García; a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida— insistiron na necesidade de abandonar o modelo temporal actual, baseado en contratacións anuais, e avanzar cara a un modelo estable, que garanta formación, continuidade e preparación suficiente para afrontar situacións de alto risco.

Finalmente, a Comisión Executiva da FEGAMP aprobou unha posición maioritaria, coa suma dos votos do BNG e do PSdeG, que rexeita o convenio e demanda incrementar a colaboración da Xunta na execución subsidiaria das limpezas de parcelas, ampliando o ámbito de actuación autonómica aos concellos de ata 15.000 habitantes —fronte aos 10.000 propostos inicialmente—. Tamén reclama que os fondos que reciben os concellos a través do Fondo de Cooperación Local sexan de carácter incondicionado e rexeita a disposición prevista nos Orzamentos da Xunta que penalizaría con ata un 30 % de detracción aos concellos que non se adherisen ao convenio.

⚙ Configurar cookies
0.65431594848633