O BNG rexeita o novo acordo entre a UE e Marrocos e pide negociar co Frente Polisario sobre os recursos do Sáhara Occidental

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, rexeita o novo acordo comercial entre a UE e Marrocos por incluír o Sáhara Occidental e lembra que o TXUE xa ditaminou que calquera pacto debe negociarse co Frente Polisario.
Marrocos
9 Oct 2025

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, manifestou o rexeitamento do Bloque ao novo acordo comercial entre a Unión Europea e Marrocos que pretende estender o trato arancelario preferencial ao Sáhara Occidental. A representante galega lembrou que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) anulou o ano pasado o anterior acordo de pesca e produtos agrícolas, ao considerar que non contaba co consentimento do pobo saharauí.

Miranda explicou que este novo pacto, que aínda debe ser debatido polo Consello da UE e o Parlamento Europeo, “sitúase fóra da legalidade europea e internacional”, xa que ignora as consideracións expresadas polo TXUE. “O tribunal foi claro: os acordos deben ser negociados cos lexítimos donos das augas e dos recursos do Sáhara Occidental, é dicir, co Pobo Saharauí”, afirmou a eurodeputada nun encontro con representantes do Frente Polisario e outros europarlamentarios de distintos grupos políticos celebrado en Estrasburgo.

A eurodeputada lembrou ademais que a sentenza do TXUE de 2024 recoñeceu oficialmente ao Frente Polisario como o representante lexítimo do Pobo Saharauí, e advertiu que “resulta imprescindible cumprir a legalidade internacional”. Considera “inadmisible” que a Unión Europea “só teña en conta os intereses de Marrocos” e defendeu que “deben existir acordos, pero co Frente Polisario”.

O TXUE tamén confirmou que o consentimento do pobo saharauí é condición indispensable para a validez de calquera acordo relativo ao Sáhara Occidental, e recoñeceu o dereito do Frente Polisario a emprender accións legais ante os tribunais da UE para protexer os dereitos soberanos sobre o territorio e os recursos naturais. Xa en 2016, o tribunal europeo determinara que o Sáhara Occidental é un territorio distinto de Marrocos, polo que calquera pacto require o consentimento explícito do seu pobo.

Segundo a Comisión Europea, o novo acordo establece que as probas de orixe e o etiquetado dos produtos indicarán a rexión de produción, garantindo vantaxes para os beneficiarios do territorio, algo que o BNG considera insuficiente e contrario ao dereito internacional.

⚙ Configurar cookies
0.2485818862915