O BNG súmase á mobilización da Laracha contra a planta de biogás proxectada en Soandres

O sábado tivo lugar na Laracha unha manifestación convocada para rexeitar a instalación dunha planta de biogás na parroquia de Soandres, dentro dese concello coruñés. Á protesta asistiu a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quen se desprazou até a localidade para apoiar á veciñanza mobilizada contra o proxecto.
A instalación, de carácter industrial, procesaría preto de 63.500 toneladas de residuos ao ano para xerar fertilizante a través de biometano. Segundo denuncia a propia Ana Miranda, a planta situaríase nunha zona de valor patrimonial e próxima a varios núcleos de poboación, o que xerou un amplo rexeitamento social na comarca de Bergantiños.
Durante a xornada, Miranda estivo acompañada por unha nutrida representación do Bloque, entre eles a portavoz do partido en A Laracha, Carolina Castiñeiras, os concelleiros Xosé Cotelo e David Bermúdez, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, varios membros desa corporación municipal e a portavoz do BNG en Laxe, Cristina del Prisco. Tamén participaron na concentración, xunto á plataforma veciñal ‘Stop Biogás na Laracha’, os deputados do Parlamento galego Mercedes Queixas, Óscar Ínsua e Xosé Manuel Golpe.
“Trátase de apoiar á cidadanía e á veciñanza que se manifesta contra a instalación desta planta, porque ademais de incumprir a normativa de impacto ambiental, non aporta ningún beneficio para a comarca”, explicou a eurodeputada ao xustificar a súa presenza na protesta.
Resposta de Bruxelas
A mobilización prodúcese despois de que a Comisión Europea respondese por escrito a unha consulta formulada por Ana Miranda sobre as implicacións ambientais do proxecto. Na súa contestación, o organismo comunitario recoñece que non dispón de “información específica sobre as medidas para cumprir cos requirimentos de conservación” que esixe a Zona de Especial Conservación do río Anllóns, no caso de que a planta chegue a construírse.
Segundo trasladou a Comisión, os datos que manexa sobre o proxecto proceden unicamente do aportado pola propia Miranda e do publicado nos medios de comunicación, xa que nin o Goberno central nin a Xunta lle terían facilitado detalles sobre as garantías medioambientais previstas.
Na súa comunicación oficial, a eurodeputada advertiu ademais de que Galiza carece de normativa específica para regular plantas deste tamaño. Perante esta circunstancia, o executivo comunitario lembrou que, conforme á Directiva Hábitats, calquera proxecto cun efecto significativo sobre espazos incluídos na Rede Natura 2000 debe someterse a unha avaliación axeitada das súas repercusións.
Pleno extraordinario e modificación do PXOM
O rexeitamento á planta tamén tivo reflexo no ámbito municipal. O venres 6 de novembro, o Concello de A Laracha celebrou un pleno extraordinario, solicitado polo BNG, para reclamar a paralización inmediata do proxecto. Esta sesión súmase ao acordo acadado en setembro, cando o pleno respaldou por unanimidade a iniciativa impulsada pola plataforma ‘Stop Biogás na Laracha’ e decidiu iniciar os trámites para modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), co obxectivo de prohibir en chan rústico do concello a instalación de industrias dedicadas á xestión de residuos, a produción de biogás ou actividades semellantes, dado o impacto que poderían ter sobre os núcleos de poboación e o patrimonio cultural da zona.
Porén, o goberno municipal non paralizou de xeito cautelar a concesión de licenzas para este tipo de instalacións, o que levou a colectivos veciñais como ‘Stop Biogás na Laracha’ a reclamar que se empreguen tódalas ferramentas legais dispoñibles para frear o proxecto mentres se tramita o cambio normativo.