O BNG tilda de “maquillaxe política” e de “apaño” a moratoria da Xunta que “abre a porta ao monocultivo de eucalipto”

A deputada e responsable de Montes e Industrias Forestais do BNG, Montse Valcárcel, cualificou de “maquillaxe política” e “apaño cheo de excepcións” a prórroga da moratoria do eucalipto anunciada pola Xunta ata 2030, asegurando que esta medida “non é unha solución real, senón unha porta aberta ao avance do monocultivo no noso país”.
Valcárcel acusou o Goberno de Alfonso Rueda de incentivar o cultivo de eucalipto no canto de apoiar os propietarios de piñeirais afectados por pragas, e advertiu de que a especie segue medrando “sen control” mentres a Xunta “oculta os datos reais de superficie e apenas sanciona unha mínima parte das infraccións detectadas”.
“O problema de fondo é que o propio Goberno galego está a promover a substitución do piñeiro polo eucalipto. Así, paseniño, Galiza vai quedando sen piñeiro, sen biodiversidade e sen alternativas para o rural”, lamentou.
A deputada nacionalista criticou tamén que esta “pseudo-moratoria” chegue nun ano no que arderon máis hectáreas ca nunca desde que hai rexistros en Galicia, o que —dixo— demostra as consecuencias de ter grandes extensións de eucaliptais: “Cando o lume se achega aos grandes eucaliptais, o risco e o dano multiplícanse para o medio e para as persoas”.
Por todo isto, o BNG reclama partidas reais, cuantificadas e suficientes para restaurar o bosque autóctono, apoiar a diversificación forestal e frear o monocultivo.
“O que está en xogo non é só a masa forestal, é o futuro das aldeas, da economía do rural e da identidade de Galiza. Defender o monte galego é defender Galiza”, concluíu Valcárcel.