O BNG urxe á Xunta a actuar ante a crise agravada polos temporais na pesca e no marisqueo

Rosana Pérez reclama á Consellería do Mar medidas estruturais e urxentes para facer fronte á caída de produtividade nas rías e ás perdas provocadas polos temporais
Rosana Perez
17 Feb 2026

A portavoz de Mar do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia, Rosana Pérez, emprazou á Consellería do Mar a actuar de xeito inmediato fronte á crise que vive o sector da pesca e do marisqueo, agravada polos efectos das sucesivas borrascas e pola caída da produtividade nas rías galegas.

A deputada nacionalista advertiu que o escenario previsto para este ano pode ser incluso peor que o de 2023 e preguntou se o Goberno do PP vai adoptar medidas ou continuará, ao seu xuízo, ausente ante a situación que atravesa o sector.

Pérez lembrou que, tras os temporais de 2023, as vendas nas lonxas galegas reducíronse un 18 % en 2024, con 24.000 toneladas menos de peixe e marisco, mentres que a facturación caeu un 7,5 %, o que supón 30 millóns de euros menos. No marisqueo a pé, sinalou, perdéronse 222 postos de traballo, aos que se sumaron outros 128 no 2025.

Entre as propostas estruturais, o BNG volveu reclamar un estudo rigoroso, elaborado coa participación do sector e dos centros de investigación galegos, que analice as causas da baixa produtividade das rías e permita adoptar medidas axeitadas.

De maneira urxente, a formación nacionalista propón regular o baleirado dos encoros para minimizar o impacto na salinidade da auga, unha demanda reiterada polo sector marisqueiro, como no caso da Confraría de Noia en relación co encoro do Tambre.

O BNG tamén aposta pola creación dun seguro colectivo para o sector do mar, similar ao agrario, que cubra as perdas derivadas dos temporais, así como pola promoción de sementeiras públicas ou público-privadas para garantir o autoabastecemento.

Ademais, a deputada puxo o foco na situación da frota de artes menores, que leva semanas amarrada sen poder saír a faenar, e instou á Xunta a solicitar ao Goberno do Estado a suspensión temporal das cotizacións sociais ata que se normalice a situación.

Finalmente, reclamou que a Consellería do Mar priorice o apoio directo ao sector na distribución do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, fronte a outras partidas destinadas, segundo criticou, a eventos e promoción.

⚙ Configurar cookies
0.39468884468079