O BNG urxe ao Goberno a declarar xa a nulidade da concesión da AP-9

O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Goberno español que acate sen máis dilación o ditame motivado da Comisión Europea que declara ilegal a prórroga da concesión da AP-9 outorgada á empresa Audasa no ano 2000 polo Executivo de José María Aznar. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama que se inicie de inmediato o procedemento para declarar a nulidade da concesión, liberar a autoestrada das portaxes e transferir a súa xestión á Galiza.
A resolución europea confirma que a prórroga até 2048 se fixo sen licitación pública, sen transparencia e vulnerando a normativa comunitaria en materia de contratación pública. Esta é a segunda vez que a Comisión abre un expediente ao Estado español polo mesmo motivo, tras un primeiro iniciado en 2021.
“O ditame da Comisión vén darnos a razón ao BNG e á sociedade galega”, asegurou Rego, lembrando que o Bloque logrou a aprobación no Congreso, en dúas ocasións, de iniciativas que instaban ao Goberno a declarar nula a concesión, asumir a xestión pública da AP-9 e proceder á súa transferencia a Galicia.
A pesar do apoio parlamentario, o Goberno mantivo a súa defensa da prórroga e segue xustificando a actuación do Executivo do PP en 2000. Agora, a Comisión Europea dálle dous meses ao Estado para negociar unha solución que evite que o caso chegue ao Tribunal de Xustiza da UE.
Rego considera que “é o momento de tomar decisións valentes” e demanda ao Goberno que non recorra o ditame e inicie a anulación da concesión. Segundo explicou, a declaración de nulidade permitiría rescatar a autoestrada sen pagar o lucro cesante, o que suporía un importante aforro público.
“O Goberno non pode seguir protexendo o beneficio dunha concesionaria en detrimento do interese da cidadanía galega”, concluíu o deputado, quen volveu insistir na necesidade dunha AP-9 pública, galega e gratuíta.