O BNG urxe poñer fin á discriminación laboral entre as traballadoras do Sergas

A deputada do BNG, Iria Carreira, reclamoulle ao Sergas que poña fin á discriminación laboral existente entre as diferentes traballadoras do Servizo Público de Saúde galego, unha situación que afecta especialmente ao persoal de limpeza, cociña e mantemento.
Durante a súa intervención parlamentaria, Carreira lembrou as mobilizacións que as traballadoras das áreas do Barbanza, da Costa da Morte e do Salnés levan protagonizando desde hai preto dun ano para reclamar a equiparación salarial e laboral co resto de compañeiras do Sergas.
Segundo denunciou, trátase de profesionais que realizan o mesmo traballo que noutras áreas sanitarias públicas pero que sofren condicións laborais máis precarias, con salarios máis baixos e xornadas máis longas. A situación afecta a arredor de 100 persoas, maioritariamente mulleres: 50 no Hospital do Salnés, 22 no do Barbanza e 24 no Virxe da Xunqueira.
A deputada nacionalista subliñou que “non é só unha cuestión salarial, senón tamén de dereitos laborais”, xa que existen diferenzas de até 200 horas anuais de xornada entre estes hospitais e outros centros do Sergas. Lembrou tamén que as traballadoras levaron meses solicitando unha reunión coa Xerencia do Sergas sen obter resposta, ata que finalmente se produciu o pasado 19 de xaneiro, oito meses despois da primeira petición.
“O máis grave é que desde o Sergas só se moveron cando o BNG levou este asunto ao Parlamento”, criticou Carreira, aínda que valorou positivamente que a dirección sanitaria recoñecera a existencia dunha discriminación evidente e aceptara abrir un proceso de diálogo para tentar poñerlle fin.
Con todo, advertiu de que resulta inaceptábel que, malia recoñecer esta situación, o Sergas non dea pasos para corrixila noutros ámbitos como os servizos de cociña ou mantemento, como ocorre no Hospital do Salnés. “Non pode ser que os altos cargos vivan alleos á realidade das traballadoras e só reaccionen cando o conflito chega á Cámara”, afirmou.
A iniciativa do BNG foi rexeitada polo voto en contra do PP. Dirixíndose ás bancadas populares, Carreira foi contundente: “Só pedimos igualdade laboral e salarial, pero vostedes non queren mover un dedo para mellorar as súas condicións”. E concluíu reclamando que, se non queren mediar nos conflitos, “revirtan a externalización dos servizos e os recuperen como propios”.