O BNG urxe unha solución inmediata para evitar os cortes recorrentes da PO-11 por inundacións

A senadora do Bloque Nacionalista Galego, Carme da Silva, rexistrou iniciativas de urxencia no Senado para reclamar ao Goberno do Estado unha solución “inmediata e práctica” aos constantes cortes da autovía PO-11, que comunica Pontevedra e Marín.
Segundo explica a parlamentaria nacionalista, trátase dun problema reiterado que se produce cada vez que coinciden choivas intensas e a pleamar, unha situación que se agravou nas últimas semanas coa sucesión de borrascas desde xaneiro e, especialmente, durante este mes de febreiro.
As inundacións chegan a anegar varios carrís da vía, obrigando á Garda Civil de Tráfico a desviar a circulación pola PO-546 e pola variante de Marín (VG-4.4), o que xera importantes problemas de mobilidade e seguranza viaria nos accesos a Marín, na contorna de Concepción Arenal e na entrada ao barrio pontevedrés dos Praceres.
Da Silva lembra que este é un problema “perfectamente coñecido polo Ministerio desde hai anos” e critica a inacción do Goberno estatal. “Non estamos ante un feito excepcional, senón diante dun problema recorrente ao que non se lle dá solución”, afirma.
A senadora sinala que desde o Concello de Pontevedra levan tempo reclamando unha actuación estrutural que resolva definitivamente as inundacións, e lembra que o propio Concello trasladou unha queixa formal ao Ministerio de Transportes pola “manifesta pasividade” ante os continuos peches.
Para o BNG, resulta insuficiente que a única resposta sexa incluír este treito nun estudo estatal da Dirección Xeral de Estradas sobre riscos de inundación. “Os estudos non resolven o día a día da veciñanza. Precísanse actuacións concretas que eviten que a autovía se converta nun punto negro cada vez que chove”, subliña.
O Bloque demanda que o Goberno recoñeza a gravidade da situación, faga públicas as conclusións do estudo sobre riscos de inundación neste tramo concreto e adopte medidas efectivas que poñan fin aos cortes recorrentes da PO-11.
“A veciñanza non pode seguir pagando coa súa seguridade e coa súa mobilidade a inacción do Goberno do Estado. É hora de pasar dos diagnósticos ás solucións”, concluíu Carme da Silva.