O BNG ve nos 83 M€ sen gastar en incendios un exemplo da mala xestión orzamentaria do PP

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, defendeu na Comisión de Economía unha proposta para mellorar a planificación e a xestión orzamentaria da Xunta, seguindo as recomendacións do Consello de Contas. “Non abonda con ter uns orzamentos, hai que planificar e xestionar ben, e iso é o que non fai o PP”, afirmou.
Presas puxo como exemplo os máis de 83 millóns de euros que a Xunta deixou sen gastar entre 2019 e 2024 en programas de prevención e extinción de incendios e protección civil. “Nin é responsable nin amosa control nin transparencia nin boa xestión”, criticou, lembrando que Galicia acaba de sufrir unha das ondas incendiarias máis intensas e devastadoras da súa historia.
A deputada nacionalista denunciou a “distancia sideral” entre o que o PP programa nos orzamentos e a realidade da súa execución, subliñando que o orzamento “é a ferramenta máis potente que ten o Goberno galego para mellorar a vida da xente e afrontar os retos da sociedade”.
Segundo os datos de 2024, quedaron sen gastar máis de 813 millóns de euros, con partidas destacadas como 217 millóns na Consellería de Comercio, Emprego e Emigración, 126 en Vivenda e Infraestruturas, 105 en Medio Rural ou 84 en Economía e Industria.
Presas salientou tamén os 72 millóns que a Consellería de Política Social non executou, mentres argumenta que Galicia precisaría 30 millóns para acoller a menores migrantes. “Con 72 millóns sen gastar teñen o dobre do que din necesitar”, afirmou, acusando á Xunta de falta de vontade política.
A iniciativa do BNG, rexeitada polo PP, propoñía reformar o marco normativo económico e orzamentario, obrigar á Xunta a explicar no Parlamento cada vez que unha partida non chegue ao 75% de execución, ampliar a información sobre modificacións orzamentarias, dar maior transparencia ao fondo de continxencia e presentar planificación plurianual dos programas de gasto.