O Bono Coidado no Fogar da Xunta beneficia xa a máis de 38.400 persoas tras dous anos en vigor

A axuda directa de 5.000 euros anuais para persoas dependentes atendidas no seu domicilio consolídase cun orzamento de 179 millóns en 2026, un 52 % máis que o ano anterior
coidado fogar
3 Jan 2026

O Bono Coidado no Fogar impulsado pola Xunta de Galicia beneficia xa a 38.438 persoas en situación de dependencia, cando se cumpren dous anos desde a súa implantación. Segundo os datos do Executivo autonómico, o número de persoas dependentes atendidas no seu contorno familiar máis que se duplicou desde a posta en marcha desta medida.

De cara a 2026, a Xunta continuará reforzando esta prestación cun orzamento de 179 millóns de euros, o que supón un incremento do 52 % con respecto ao exercicio anterior. O Bono Coidado no Fogar consiste nunha axuda directa de 5.000 euros anuais para as persoas dependentes que son coidadas no seu domicilio por un familiar ou por outra persoa da súa confianza, sen ter en conta nin o grao de dependencia nin o nivel de renda.

Ao longo deste ano está prevista a incorporación de novos beneficiarios, co obxectivo de seguir consolidando un programa que, segundo destaca a Xunta, responde á preferencia maioritaria da cidadanía galega de permanecer no seu entorno habitual para recibir coidados.

Na actualidade, Galicia conta con máis de 92.500 persoas dependentes atendidas, o que sitúa a comunidade cunha ratio de cobertura do 99,5 %, unha das máis altas de España e seis puntos por riba da media estatal. O obxectivo marcado polo Goberno galego para 2026 é superar as 100.000 persoas atendidas.

Falta de apoio do Goberno central

Para acadar este obxectivo, a Xunta destinará en 2026 845 millóns de euros á atención á dependencia e á mellora dos servizos sociosanitarios, un 17 % máis que en 2025. Desde o Executivo autonómico reclámase un maior compromiso por parte do Goberno central, que, segundo denuncia, segue sen asumir o 50 % do financiamento dos servizos de dependencia ao que está obrigado por lei.

Esta situación de infrafinanciamento, sinala a Xunta, provocará que en 2026 a débeda acumulada do Estado con Galicia nesta materia alcance os 2.900 millóns de euros, mentres si se compromete a cubrir ese nivel de financiamento noutras comunidades, como o País Vasco.

⚙ Configurar cookies
0.29177689552307