O Bono Peixe supera as 75.000 descargas nas primeiras xornadas e suma xa 275 pescaderías adheridas

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou unha pescadería na Praza de Abastos de Santiago onde puxo en valor os primeiros resultados do Bono Peixe, cunha acollida moi positiva por parte da cidadanía. A medida acumula xa máis de 75.000 descargas e conta con 275 establecementos adheridos na provincia da Coruña, 29 deles na capital galega. A conselleira destacou que estas cifras seguen medrando e que o prazo de adhesión continúa aberto durante as dez semanas de vixencia do programa.
Esta medida pioneira permite aos consumidores acceder a descontos do 25% nas compras de peixe e marisco fresco, cun máximo de 5 euros semanais, acumulables ata 25 euros se non se consumen na súa totalidade.
Villaverde sinalou que Galicia volve estar á vangarda coa posta en marcha dunha iniciativa específica para reverter o descenso do consumo de peixe e marisco fresco e promover unha dieta saudable. Subliñou tamén que este tipo de medidas teñen un impacto positivo sobre a cadea mar-industria, xeradora de emprego e referente en sustentabilidade.
Finalmente, criticou a falta de acción do Goberno central en relación coa rebaixa do IVE para estes produtos e destacou que o Bono Peixe complétase con campañas como Galicia Sabe Amar ou a promoción en feiras nacionais e internacionais.