O campo da USC acolle hoxe a II Supercopa galega de fútbol gaélico

O campo da Universidade de Santiago de Compostela será este sábado 19 o escenario da segunda edición da Supercopa galega de fútbol gaélico, unha competición organizada pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela. O torneo reunirá os campións de Liga e Copa da pasada tempada nas categorías masculina e feminina e servirá tamén para dar o pistoletazo de saída ao curso 2026-27.
A xornada comezará ás 18.00 horas coa disputa da Supercopa masculina, na que se enfrontarán o Keltoi Vigo e o Estrela Vermelha de Santiago. O conxunto vigués chega como campión de Liga e Copa, mentres que o equipo compostelán foi subcampión en ambas as competicións. Unha hora e media despois, ás 19.30 horas, será a quenda da final feminina, que medirá o Grovias, campión de Liga, co Fillas de Breogán, vencedor da Copa.
A presentación da competición tivo lugar esta semana no Concello de Santiago de Compostela, nun acto no que participaron a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, e o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete.
Esta será a segunda edición da Supercopa galega, despois da celebrada o pasado ano en Ourense. Na categoría masculina, o Keltoi proclamouse campión tras superar ao Estrela Vermelha, mentres que no cadro feminino o Auriense conquistou o título ante o Turonia Gondomar.
Desde a AGFG destacan a importancia de comezar a tempada cunha competición que reúne os equipos máis destacados do curso anterior. O presidente da asociación, Ángel Negrete, agradeceu a colaboración do Concello de Santiago co fútbol gaélico e puxo en valor os diferentes torneos organizados pola entidade na cidade, entre eles as dúas últimas edicións da Celtic Cup de adultos e a Celtic Cup Sub17 deste ano, inicialmente prevista en Compostela e finalmente trasladada á Mariña lucense debido á vaga de calor.
Negrete sinalou tamén que a Supercopa permitirá medir desde o primeiro momento o nivel dos principais equipos galegos, a pesar de que os conxuntos levan máis dun mes sen competir. “Gústanos empezar a tempada forte cun enfrontamento entre os equipos máis potentes de Galicia”, explicou o presidente da AGFG, que agarda dous encontros de alto nivel.
A cita terá ademais a presenza de varios dos futbolistas e futbolistas que participaron nos World Games 2026 de fútbol gaélico. Deste xeito, a Supercopa servirá como punto de encontro entre o remate da pasada tempada e o inicio da nova campaña, que terá continuidade co arranque da Liga previsto para o vindeiro mes de outubro.
O público poderá asistir este sábado no campo da Universidade de Santiago de Compostela aos dous encontros que decidirán os novos campións da Supercopa galega de fútbol gaélico.