O Campus de Lugo reúne seis especialistas internacionais para analizar os avances no estudo da evolución

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acolle este martes 24 de novembro, a partir das 9:00 horas, o Simposio Internacional sobre Xenómica, Epixenómica e Evolución, baixo o título "Do naturalismo aos xenomas: o rexistro da evolución". O encontro reúne seis especialistas de recoñecido prestixio internacional para abordar como os avances recentes nestas disciplinas están a transformar a comprensión dos procesos evolutivos.
A xornada forma parte do programa científico asociado á exposición "Wallace e a orixe das especies", que se pode visitar actualmente en Lugo, e está dirixida principalmente á comunidade universitaria e investigadora. Entre o público destinatario figuran estudantes de grao, mestrado e doutoramento, profesorado e persoal investigador, así como persoas interesadas na xenética, a xenómica, a epixenética e a bioloxía evolutiva.
Ao longo do simposio abordaranse cuestións como os mecanismos xenómicos implicados na orixe das especies, o papel da regulación epixenética na variación fenotípica e as bases xenéticas e moleculares da adaptación en poboacións con baixa diversidade xenética. Tamén se analizará a posible transmisión de marcas epixenéticas entre xeracións.
O encontro pretende favorecer o debate científico, impulsar o intercambio interdisciplinar e poñer en valor a contribución das novas ferramentas xenómicas ao estudo da evolución. A actividade está organizada polo grupo de investigación ACUIGEN da Universidade de Santiago de Compostela e a asistencia presencial é libre ata completar a capacidade da sala.