O campus de Ourense lanza sete novos cursos de extensión universitaria

As propostas están dirixidas tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral e desenvolveranse entre os meses de xuño e outubro
Edificio-de-ferro-campuss-ourense-recurso
19 May 2026

O campus de Ourense abriu este luns o prazo de inscrición para a súa nova oferta de cursos de extensión universitaria, coñecidos como cursos de verán, que este ano inclúe sete propostas formativas abertas tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral.

A programación, apoiada pola Deputación de Ourense e con recoñecemento de créditos ECTS (un por cada 25 horas de formación), pode consultarse e formalizarse a través do Campus Activo da Universidade de Vigo. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata esgotar prazas. Cinco das actividades desenvolveranse entre xuño e xullo e as dúas restantes no mes de setembro. O prezo varía en función do colectivo, con diferentes descontos segundo a vinculación coa institución académica.

As propostas deste ano abranguen temáticas diversas, que van desde o cinema, o termalismo ou a biodiversidade ata a intelixencia artificial e a análise crítica da chamada pornificación da cultura.

Entre os cursos con continuidade figura “Desafíos e oportunidades para a conservación da biodiversidade”, dirixido polas profesoras María Fernández e María del Carmen Seijo, que se celebrará do 10 ao 12 de xuño no concello de Muíños. A formación abordará os retos ambientais na Reserva de Biosfera Transfronteiriza Xurés-Gerês, como a perda de hábitats, as especies invasoras ou o impacto do cambio climático.

Tamén continúa o Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, organizado coa Fundación Carlos Casares e dirixido desde a Facultade de Comunicación, que nesta edición leva por título “Cinema galego. Diversidade creativa” e se desenvolverá do 6 ao 10 de xullo. O programa inclúe análise de producións galegas e un obradoiro audiovisual para alumnado da Universidade de Vigo.

Outra das propostas consolidadas é “Ourense no tempo: historia, arte e tradicións”, que celebra a súa terceira edición do 1 ao 4 de xullo baixo a dirección do profesor Xosé Ramón Campos. O curso propón un percorrido multidisciplinar pola historia e o patrimonio da provincia, con sesións teóricas e saídas a diferentes puntos de Ourense e doutros concellos da contorna.

No ámbito do termalismo, repite o curso “Termalismo en ruta: das augas salutíferas de Galicia aos mananciais de Aquitania”, dirixido por Elisa Alén e José Luis Legido, que se desenvolverá do 5 ao 11 de setembro e combinará formación teórica con visitas a balnearios e centros termais en Galicia e Francia.

Entre as novidades destaca o curso “Ferramentas e procesos de facilitación para a intervención ecosocial”, impulsado desde a Facultade de Educación e Traballo Social, que se celebrará entre o 2 e o 10 de xullo en distintos espazos de Vigo e Ourense, así como en contornas naturais do Miño.
Tamén se incorpora a proposta “A pornificación da cultura: hipersexualización e mercantilización do corpo das mulleres”, dirixida pola catedrática María Lameiras, que se desenvolverá entre o 30 de xuño e o 30 de xullo e abordará a construción social das desigualdades de xénero e a súa representación cultural.

Finalmente, completarase a oferta con “Intelixencia artificial e innovación desde unha perspectiva socioeducativa”, que terá lugar entre o 11 de setembro e o 16 de outubro, con actividades no campus e unha sesión prevista en Lobios. O curso busca achegar a IA ao ámbito educativo e social desde unha perspectiva crítica e transformadora.

0.29572415351868