O Carballiño prepárase para recibir máis de 130 vehículos no seu rallye comarcal

A proba, puntuable para o campionato autonómico de rallyes, reunirá este fin de semana a numerosos afeccionados ao motor do sur de Galicia
V Rallye Comarca do Carballiño
23 Sep 2026

O Concello do Carballiño volve colaborar este ano na organización do V Rallye Comarca do Carballiño, cuxa celebración está prevista para os días 25, 26 e 27 de setembro. A cita contará coa participación de máis de 130 vehículos, segundo se anunciou durante o acto de presentación celebrado este mediodía na Praza Maior da localidade.

O evento, organizado por JLB Motorsport, forma parte do calendario do Campionato Xunta de Galicia de Rallyes-Recalvi e está chamado a congregar un gran número de afeccionados ao mundo do motor procedentes do sur de Galicia.

A competición arrincará o venres ás 20.00 horas coa cerimonia de saída, que terá lugar na rúa Evaristo Vaamonde do Carballiño.

Durante a presentación, o responsable de JLB Motorsport, Jesús López Blanco, quixo agradecer a implicación dos distintos concellos que fan posible o desenvolvemento da proba ao longo da comarca, entre eles O Carballiño, San Amaro, Leiro, Piñor de Cea, San Cristovo de Cea, Amoeiro e Maside. Así mesmo, estendeu o seu agradecemento á Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense, á Garda Civil de Ourense e do Carballiño, á Policía Local do Carballiño e á agrupación de Protección Civil pola súa colaboración.

Pola súa banda, o alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil, destacou o esforzo realizado pola organización e animou á cidadanía a sumarse á cita: "Animamos á xente a que veña desfrutar deste marabilloso evento e da nosa terra".

A deputada provincial Patricia Torres tamén quixo poñer en valor o labor desempeñado por todas as persoas voluntarias que, co seu traballo, permiten que o rallye saia adiante cada ano.

0.33593201637268