O caso Tomé abre unha crise política e feminista no PSdeG e provoca un cruzamento de críticas entre PSOE, PP e BNG

Sete alcaldesas socialistas e 70 mulleres do partido asinan un manifesto de apoio á dimisión de Silvia Fraga
José-Tomé-bus-rural-denuncias-acoso-sexual
15 Dec 2025

O suposto caso de acoso sexual que implica a José Tomé, ata o pasado venres presidente da Deputación de Lugo, provocou unha forte crise interna no PSdeG-PSOE e xerou reaccións políticas cruzadas en Galicia e novo durante a fin de semana e especialmente este domingo, cando sete alcaldesas socialistas, encabezadas pola rexedora da Coruña, Inés Rey, xunto con arredor de 70 mulleres vinculadas ao partido, asinaron un manifesto no que apoian a dimisión de Silvia Fraga como secretaria de Igualdade do PSdeG, en desacordo coa xestión da dirección ante estas denuncias.

As asinantes defenden que a renuncia de Fraga é un acto de compromiso feminista e denuncian que os casos de acoso coñecidos causan “estupor, vergoña e desafección” coa organización. Reclaman unha actuación firme, a protección das vítimas e tolerancia cero fronte a calquera forma de violencia machista, advertindo de que quen oculte ou relativice estas situacións debe asumir responsabilidades.

Mentres, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou o sucedido como un “espectáculo” do PSOE de Lugo e estendeu a crítica ao conxunto do socialismo, acusando tamén ao BNG de “mirar para outro lado” por gobernar con eles. Rueda contrapuxo esta situación coa forma de facer política do PP, centrada (dixo) "no traballo diario e afastada dos escándalos".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu ao PSdeG explicacións e responsabilidades polo caso Tomé e chamou a apoiar ás vítimas. Ao mesmo tempo, respondeu ás críticas do PP lembrando que este “encubriu durante meses” a un exconselleiro acusado de agresión sexual, denunciando unha dobre vara de medir. Pontón insistiu en que hai que actuar con contundencia “afecte a quen afecte” e seguir a evolución do caso na Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.28797221183777