O catedrático da USC Antón Santamarina recibe o Premio Luis Porteiro Garea

A actividade investigadora do profesor abrangue tamén a gramática, a sociolingüística, a historia da lingua, a etimoloxía, a toponimia, a dialectoloxía e a didáctica
profesor-investigador-usc-garea
13 Jul 2026

O catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina Fernández é o gañador do Premio Porteiro Garea na súa novena edición. Reunido o pasado 9 de xullo, o xurado decidiu por unanimidade concederlle o premio a “unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea que xogou un papel esencial no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes, e tamén no establecemento da súa forma culta actual”.

Especializado no eido da lexicografía, a actividade investigadora do profesor Santamarina abrangue tamén a gramática, a sociolingüística, a historia da lingua, a etimoloxía, a toponimia, a dialectoloxía e a didáctica. A súa extensa actividade investigadora foi outro aspecto a destacar polo xurado, que estivo presidido pola reitora Rosa M. Crujeiras Casais e composto ademais pola vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana Iglesia; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala; Elena Freire Paz, representante da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro; e Marta Irene Lois González e Mar Pérez Fra, representantes das comisións de normalización lingüística dos campus de Santiago e Lugo, respectivamente.

Santamarina foi fundador e tamén director do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago. Dende o ano 1998 é membro da Real Academia Galega, onde coordina o seminario de Onomástica, e foi tamén secretario do Consello da Cultura Galega (1976-1991) e dirixiu a revista Verba. Anuario galego de filoloxía (2010-2012).

É ademais coautor do Atlas Lingüístico Galego e responsable, xunto con Manuel González González, do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (1989), o VOLGa, que estableceu o corpus léxico sobre o que se basean a práctica totalidade dos dicionarios galegos actuais. Tamén codirixiu o Dicionario da Real Academia Galega e foi o editor do Dicionario de dicionarios (2003), que permite consultar simultaneamente todas as definicións dunha palabra ao longo do tempo nos diversos dicionarios publicados en lingua galega. Dirixe así mesmo o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, TILG, que compila as entradas de máis de tres mil documentos en galego entre 1612 e 2013, cun total de trinta catro millóns de formas gráficas.

Antón Santamarina é ademais coautor, canda Dorothé Schubarth, do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié, 1984-1988). Esta obra en sete volumes, considerada o máis amplo repertorio da música popular de tradición oral do país, reúne pezas recollidas en máis de cen lugares de fala galega pola musicóloga suíza entre 1978 e 1983. A colección mereceu o premio da Crítica Galicia na categoría de Música (1985).

Premio Porteiro Garea

Co Premio Luís Porteiro Garea a USC quere distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da propia universidade compostelá que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC.

Este galardón recoñeceu xa a traxectoria na promoción do galego na USC de Manolo Bermejo, José Antonio Gómez Segade, Antón Costa, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo Andión, Marilar Aleixandre e Concha Losada e faino lembrando a figura de Luís Porteiro Garea, profesor de Dereito Civil que pronunciou en 1915 a primeira lección en galego nesta Universidade.

0.37318706512451