O catedrático Gumersindo Feijoo ingresa na Academia Galega de Ciencias

A encargada de realizar a laudatio foi a académica Herminia Domínguez, catedrática de Enxeñería Química da Universidade de Vigo
gumersindo-feijoo
21 May 2026

A RAGC celebrou no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso do catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago (USC) Gumersindo Feijoo Costa (Cambados, 1967) como académico numerario da sección de Ciencias Técnicas da institución. Pronunciou o seu discurso co título Do dato ao impacto: marco científico da sustentabilidade. A encargada de realizar a laudatio foi a académica Herminia Domínguez, catedrática de Enxeñería Química da Universidade de Vigo.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos; a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras; a directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC -ETSE-, Julia González; a decana da facultade de Química da Universidade de Vigo, Ángeles Peña; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.

O presidente da RAGC, que foi o director da tese de doutoramento de Gumersindo Feijoo, puxo de relevo que “a súa incorporación supón para a Academia reforzar unha visión científica da sustentabilidade, imprescindible para afrontar os grandes retos ambientais e industriais do noso tempo”. Nesta liña, manifestou que “a súa traxectoria insírese nunha cuestión esencial: xa non abonda con producir máis, nin sequera con producir mellor; cómpre facelo dunha maneira sostible, responsable e positiva para o medio. Esta visión abrangue aspectos tan diversos e especialmente importantes para Galicia, como o sector vinícola, o lácteo, o madeireiro, a alimentación ou a pesca”.

Lema salientou ademais que o homenaxeado, “cunha traxectoria marcada polo rigor científico, a innovación e a capacidade de crear equipo, converteu Santiago nun referente internacional en sustentabilidade ambiental e análise do ciclo de vida”. Xunto á súa excelencia investigadora, destacou tamén o seu compromiso coa divulgación e coa promoción do galego científico.

A intenvención de Gumersindo Feijoo

No seu discurso de ingreso, o enxeñeiro químico abordou a transformación do concepto de sustentabilidade desde as súas orixes ata a súa consolidación como “un campo científico rigoroso, apoiado en metodoloxías cuantitativas e indicadores verificables”. Nesta liña, sinalou como, nas últimas décadas, “a sustentabilidade deixou de ser un ideal abstracto para converterse nunha ferramenta operativa que permite avaliar o impacto das actividades humanas sobre o medio ambiente e a sociedade”. Así, analizou diversas ferramentas analíticas que permiten medir e interpretar este impacto. Entre elas destacou “a análise de ciclo de vida, que avalía os efectos ambientais asociados a un produto ou proceso desde a súa orixe ata o final da súa vida útil; as pegadas ambientais, como a de carbono ou a hídrica, que cuantifican presións específicas sobre recursos naturais; e os indicadores de economía circular, que valoran a eficiencia no uso de materiais e a capacidade de reutilización e reciclaxe”. Segundo manifestou, “estas metodoloxías constitúen a base para unha toma de decisións máis informada e responsable”.

Durante a súa intervención, Gumersindo Feijoo ofreceu varios exemplos de aplicación destas ferramentas en distintos ámbitos. No caso das cidades, referiuse a estratexias para mellorar a eficiencia enerxética, a xestión de residuos e a mobilidade sustentable. No ámbito da auga, afondou en cuestións relacionadas coa súa xestión integral, a súa reutilización e a redución da contaminación. En relación coa alimentación, analizou os impactos das cadeas de produción e consumo, facendo fincapé na “necesidade de sistemas máis sostibles que reduzan desperdicios e emisións”, poñendo en valor en particular a dieta atlántica, da que afirmou que “forma parte do noso acervo cultural, coida da saúde das persoas e tamén da saúde ambiental do noso planeta”.

Un dos eixes centrais do seu discurso foi “a importancia da medición como requisito indispensable para a acción”. Así, deixou patente que “non é posible mellorar aquilo que non se mide”, insistindo no desenvolvemento e uso de indicadores fiables que permitan comparar, avaliar e facer seguimento das políticas e prácticas sustentables. Ao mesmo tempo, recoñeceu a complexidade inherente a este proceso, xa que -tal como manifestou- “a sustentabilidade implica a interacción de dimensións ambientais, económicas e sociais, ás veces en tensión”.

O novo académico concluíu a súa intervención facendo un chamamento á responsabilidade colectiva e á necesidade de integrar o coñecemento científico na toma de decisións públicas e privadas. Nesta liña, o enxeñeiro químico defendeu “un enfoque que non só minimice impactos negativos, senón que promova modelos de desenvolvemento capaces de garantir o benestar das xeracións presentes sen comprometer o das futuras, consolidando así unha perspectiva verdadeiramente sostible”.

A académica Herminia Domínguez

A encargada de realizar a laudatio foi a académica Herminia Domínguez, catedrática de Enxeñería Química da Universidade de Vigo. Lembrou que o novo académico foi pioneiro na posta en marcha da liña sobre Sustentabilidade Ambiental en Galicia e na introdución en España, xunto con outros colegas de Barcelona, do pensamento e metodoloxía de análise ambiental de produtos e procesos.

En relación coa creación e explotación de rexistros de propiedade intelectual por parte do novo académico, a catedrática destacou o caso de Pescaenverde, unha marca de garantía de calidade que acredita o peixe e marisco con baixa pegada de carbono e alta taxa de retorno enerxético. Hoxe en día está presente en 30 confrarías galegas, ademais de Barbate e Conil. “Gumersindo Feijoo aúna a excelencia académica cunha visión multidisciplinar, orientada á investigación aplicada e cunha inquedanza por mellorar o benestar das persoas e do planeta” -concluíu Domínguez-.

0.37273097038269