O Centro Galego de Tecnificación Deportiva arranca con 160 deportistas

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou hoxe no acto de inauguración do curso 2026/2027 do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), que nesta campaña volverá contar con 160 deportistas integrados nos seus programas de tecnificación e rendemento.
O CGTD mantén unha oferta deportiva que abrangue 13 modalidades de 11 federacións, entre as que se atopan o atletismo, o bádminton, a ximnasia acrobática, o judo, a loita, a natación, o piragüismo, o remo, o taekwondo, o tríatlon e a vela. No caso da natación, o programa inclúe natación pura e longa distancia e natación artística, mentres que no piragüismo se integran as especialidades de augas bravas-slálom e augas tranquilas-sprint.
Roberto García destacou no acto de apertura que o CGTD é “o punto central do deporte de tecnificación e alta competición de Galicia” e salientou o labor que desenvolven os 67 profesionais que traballan no centro e no IES Sánchez Cantón para facer posible que os deportistas compatibilicen a súa preparación deportiva de alto nivel coa súa formación académica.
O secretario xeral para o Deporte deulle tamén a benvida ao novo alumnado e animouno a aproveitar as oportunidades que lles ofrece o centro, lembrándolles que a dedicación, a disciplina e o compromiso que esixe o deporte de alto nivel deben ir acompañados dunha adecuada preparación académica.
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva naceu no curso 1987-88 co obxectivo de converterse na instalación de referencia deportiva de Galicia ofrecéndolle aos deportistas unha formación integral, que conxugase a busca da excelencia competitiva coa formación académica. Nos anos 2007 e 2010 incorporáronse á órbita do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón de Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela de Vilagarcía, o que permitiu ampliar a oferta de modalidades deportivas.