O CiMUS da USC coordina o proxecto europeo 'InnovaRTBRAIN' para mellorar a radioterapia contra os tumores cerebrais

A iniciativa, financiada por un programa europeo, reúne universidades, hospitais e empresas de varios países para desenvolver tratamentos máis precisos e seguros fronte a este tipo de tumor cerebral
Yolanda Prezado CiMUS
9 Oct 2026

Un consorcio internacional coordinado desde o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela traballará durante os próximos catro anos no desenvolvemento de novas técnicas de radioterapia orientadas ao tratamento de tumores cerebrais, en particular o glioma. O proxecto, denominado 'InnovaRTBRAIN' (Innovative Radiotherapy for Brain Tumours), busca substituír parte dos procedementos que se empregan na actualidade por enfoques máis precisos, eficaces e seguros.

A coordinación recae no equipo Novas Estratexias en Radioterapia do CiMUS, dirixido por Yolanda Prezado, e conta con financiamento do programa europeo Marie Skłodowska-Curie Doutoral Networks.

No proxecto participan universidades, centros de investigación, hospitais e empresas tecnolóxicas de distintos países europeos, entre eles o DKFZ German Cancer Research Center, a Universidade de Amberes, o Institut Necker Enfants Malades (INEM), a Universidade de Oslo e a Universidade de Pavía, xunto con compañías como Varian Medical Systems, Batea Oncology e Xstrahl. A rede agrupa profesionais de física médica, bioloxía, enxeñería e oncoloxía radioterápica.

O glioma figura entre os tumores cerebrais máis difíciles de tratar, pola súa resistencia ás terapias existentes, a súa capacidade de estenderse polo tecido cerebral san e a complexidade da súa contorna biolóxica. 'InnovaRTBRAIN' propón combinar investigación básica, desenvolvemento tecnolóxico e aplicación clínica para afondar en como responden estes tumores á radiación e trasladar ese coñecemento a novos tratamentos.

Entre as liñas tecnolóxicas previstas atópanse a irradiación espacialmente fraccionada, a terapia FLASH, a protonterapia e a terapia alfa dirixida, pensadas para aumentar a eficacia do tratamento sen danar o tecido san circundante. O proxecto tamén contempla estudar a relación entre radiación e sistema inmunitario, con vistas a desenvolver terapias combinadas que integren inmunoterapia ou terapias celulares.

Formación de investigadores

'InnovaRTBRAIN' inclúe ademais un compoñente formativo: financiará 14 contratos predoutorais repartidos entre as institucións participantes, destinados a preparar novos investigadores en ámbitos como as modalidades avanzadas de radioterapia (FLASH-RT, terapia de minifeixes ou terapias alfa dirixidas), a inmunoterapia, as terapias celulares CAR-T, a dosimetría avanzada, a imaxe médica, a análise multiómica e o estudo do microambiente tumoral. A convocatoria para cubrir varias destas prazas en universidades, hospitais e empresas europeas permanece aberta nestes intres.

O proxecto formúlase como obxectivo final contribuír a tratamentos máis eficaces e con menos efectos secundarios para pacientes con tumores cerebrais, así como acelerar o paso do coñecemento científico á práctica clínica e industrial.

O CiMUS conta co recoñecemento CIGUS outorgado pola Xunta de Galicia (ED431G/2023/02) e recibe financiamento da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. O centro foi acreditado recentemente como Unidade de Excelencia María de Maeztu polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).

0.22952795028687