O cineasta lucense Brais Revaldería leva ‘Fillos do Vento: A Rapa’ ao SXSW 2026

O cineasta lucense Brais Revaldería presentou en América Fillos do Vento: A Rapa, unha experiencia inmersiva centrada na Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada, Pontevedra), que celebrou a súa estrea norteamericana no SXSW 2026, en Austin (Texas).
O proxecto galego foi exhibido no SXSW XR Experience, onde destacou pola súa proposta innovadora e conseguiu completar varias das súas sesións ao longo do festival. A instalación, incluída na sección Spotlight, chamou a atención polo seu enfoque diferencial, baseado nunha proxección panorámica a gran escala que prescinde de visores individuais e aposta por un formato colectivo que sitúa ao espectador dentro do espazo e do propio ritual.
Durante o evento, a peza mantivo unha elevada afluencia de público, con sesións completas e unha continua rotación de visitantes, evidenciando o interese por propostas que combinan cinema documental e tecnoloxía sen illar ao espectador. Un dos momentos máis destacados foi a visita da dirección do festival, que acudiu a experimentar a instalación e amosou o seu interese pola proposta, salientando a súa capacidade para trasladar unha tradición local a unha linguaxe contemporánea.
‘Fillos do Vento: A Rapa’ foi ademais un dos poucos proxectos españois presentes na sección XR, posicionándose como unha das representacións europeas nun programa de carácter maioritariamente internacional.
Rodada durante máis de sete anos en Galicia, a experiencia introduce ao público no interior do curro da Rapa das Bestas mediante unha combinación de imaxe panorámica e son espacial, xerando unha vivencia física do ritual que se afasta do formato documental convencional. O propio director explicou que “o obxectivo nunca foi facer unha película sobre a Rapa, senón permitir que o público a vivise desde dentro, case como se estivese no propio curro”, e subliñou que “ver como reacciona o público internacional a unha tradición tan local confirma que estas historias teñen unha dimensión universal”.
O seu paso por SXSW consolida o percorrido internacional do proxecto tras a súa estrea en Cannes e abre novas oportunidades para a súa exhibición en circuítos internacionais de arte, museos e espazos inmersivos.