O CiTIUS da USC intégrase na nova rede estatal de excelencia en intelixencia artificial responsable

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) forma parte de ConfIA, a nova Rede Interuniversitaria de Centros de Excelencia en Intelixencia Artificial Confiable e Responsable, unha iniciativa que reúne dez universidades españolas co obxectivo de fortalecer a colaboración científica e impulsar o desenvolvemento dunha intelixencia artificial segura, transparente e ao servizo da sociedade.
A alianza agrupa algúns dos principais centros de investigación en intelixencia artificial do Estado, entre eles o CiTIUS da USC e o CITIC da Universidade da Coruña, xunto con institucións de referencia de Cataluña, Madrid, Valencia, Andalucía, País Vasco e Alacante.
Entre os obxectivos da nova rede figura promover a investigación e o desenvolvemento de sistemas de intelixencia artificial robustos, explicables, sostibles e respectuosos coa privacidade. Ademais, ConfIA pretende impulsar proxectos conxuntos entre os distintos centros, favorecer a captación de financiamento competitivo e reforzar a transferencia de coñecemento cara ás empresas, as administracións públicas e o conxunto da sociedade.
A colaboración materializarase a través da participación en proxectos de investigación compartidos, convocatorias nacionais e internacionais, programas de formación e doutoramento, accións de mobilidade investigadora e a organización de congresos, actividades científicas e informes conxuntos.
A estrutura da rede articularase arredor de dous órganos. Por unha banda, un Comité de Coordinación integrado polos reitores e reitoras das universidades participantes e, por outra, un Comité de Dirección Científico-Técnico formado por representantes dos distintos centros de investigación, encargado de coordinar as actividades e iniciativas estratéxicas de ConfIA.
As universidades participantes consideran que esta alianza permitirá reforzar a posición da investigación española en intelixencia artificial, aumentar o impacto científico dos seus traballos e mellorar a proxección internacional dun sector chamado a desempeñar un papel clave no desenvolvemento económico e tecnolóxico dos próximos anos.