“O club colleu forza desde unha idea ata un proxecto consolidado”

Ricardo Fernández é adestrador no Club Tríatlon Vilalba
club-triatlon-vilalba
18 Oct 2026

Cóntemos tamén cando e como xurde o club e cal foi a súa historia.

O Triatlón Vilalba xurdiu da necesidade de darlle un club e unha identidade propia á gran cantidade de cativos e mozos da vila que xa practicaban este deporte. Nos primeiros anos a actividade xa existía na zona, pero faltaba dar ese paso definitivo para contar cunha estrutura totalmente asentada no noso municipio. Co impulso do Concello e o apoio directísimo das familias, botouse a andar o proxecto. Os inicios foron de moito traballo a pé de rúa e con gran colaboración de todos: arranxáronse as cousas con subvencións municipais, adestramentos enfocados na base e mesmo a venda de rifas entre a veciñanza para poder mercar os primeiros equipamentos e chándales dos rapaces. Así foi como o club colleu a súa propia forza, pasando de ser unha idea a un proxecto consolidado que hoxe leva o nome de Vilalba con orgullo e coa canteira como principal motor.

Cantos deportistas conta na actualidad?

Na actualidade, o Triatlón Vilalba conta con 52 deportistas federados, aos que se suman varios socios que, aínda que non compiten, forman parte activa do club e apoian o proxecto no día a día.

Como adestran e quen se encarga?

Adestramos 6 días á semana, organizados por categorías e niveis para adaptar o traballo a cada grupo. Combinamos de xeito equilibrado as tres disciplinas (natación, ciclismo e carreira a pé e, dende hai dous anos, Ricardo é o encargado de dirixir e planificar todos os adestramentos do club

Fáganos un balance da tempada.

A tempada foi extraordinaria. A nivel colectivo conseguimos un fito enorme: contar con dous equipos na Liga Talento Nacional —o feminino en Primeira División e o masculino en Segunda—, cun valor engadido do que nos sentimos especialmente orgullosos: logralo unicamente con deportistas formados na canteira do propio club. A nivel individual, estivemos presentes en practicamente a totalidade do calendario, tanto galego como nacional. Entre os moitos triunfos, cabe destacar a medalla de Iria no Campionato de España de Acuatlón, unha deportista criada no club dende os seus comezos e que hoxe compite na Élite nacional. E o broche de ouro a un ano inesquecible puxérono a pasada semana Andrea, Nerea, Álex, Samu e Sara coa súa participación na Gran Final das Series Mundiais, onde competiron tanto nas probas individuais como na de relevo mixto. Un auténtico orgullo para o club.

Contan cunha importante base, é un deporte demandado?

Estamos encantados coa resposta e o interese que hai pola base. Grazas ás escolas deportivas, que desenvolvemos en colaboración co Concello, o número de cativos medra cada ano de xeito exponencial. Esta estrutura é unha canteira excelente e a mellor porta de entrada para que os máis pequenos coñezan o triatlón, se namoren do deporte e vaian medrando paso a paso no club posteriormente.

Que instalacións usan e son suficientes?

Habitualmente adestramos na piscina e nas pistas do complexo da Magdalena. Ademais, para o ciclismo Vilalba é un sitio ideal, sobre todo cando os cativos xa teñen idade de empezar a saír á estrada, xa que a contorna nos permite rodar por zonas moi tranquilas e con pouco tráfico, o que nos dá moita seguridade para esa transición

Cales son os obxectivos que teñen para este ano?

Para nós o máis importante é seguir facendo medrar a canteira e manter o bo ambiente que se respira no club, sen esquecer, por suposto, o reto de seguir mantendo ese gran nivel competitivo que estamos tendo nas probas

E a longo prazo?

A longo prazo, un soño sería chegar a ter un equipo absoluto en División Nacional formado ao 100% por deportistas da nosa vila. É unha meta ambiciosa, pero imos paso a paso: o fundamental agora é darlle tempo e marxe aos nosos deportistas para que sigan medrando e evolucionando ao seu ritmo

Que necesidades teñen?

A verdade é que temos as necesidades moi ben cubertas e pouco máis podemos pedir. Se acaso, algunha axuda a maiores para poder acudir ás competicións nacionais, xa que hoxe en día os desprazamentos e os aloxamentos son cada vez máis custosos. Ademais, a loxística no triatlón non é sinxela: viaxamos sempre con bicicletas e material bastante voluminoso, polo que mover ao equipo a nivel nacional supón un esforzo económico e organizativo moi grande

0.29685711860657