O Club de Golf O Pilar organiza o XVIII Torneo Concello de Sarria con importantes premios

O Club de Golf O Pilar acollerá a celebración do XVIII Torneo Concello de Sarria, unha competición que será puntuable para a Orde de Mérito 2026 e que reunirá aos afeccionados ao golf durante os meses de xuño e xullo.
O torneo dispútase nas xornadas dos días 5 e 6 de xuño, 12 e 13 de xuño, 26 e 27 de xuño e 3 e 4 de xullo, baixo a modalidade individual Stableford. Para a clasificación acumulada terase en conta a suma dos tres mellores resultados obtidos por cada participante.
A organización preparou un amplo listado de premios, entre os que destacan unha bolsa Callaway, unha bolsa TaylorMade, un putter Odyssey, un wedge Cleveland e uns zapatos FootJoy. Ademais, entregaranse tres green fees para dúas persoas en Hércules Golf, unha bolsa de viaxe Nike, gorras TaylorMade e outros agasallos.
Os premios asignaranse segundo a clasificación acumulada scratch e hándicap, así como aos mellores clasificados en cada unha das xornadas. Tamén se premiará o gañador do concurso de approach o día da entrega de premios.
Como complemento á competición, realizarase un sorteo de regalos entre os xogadores non premiados e ofreceranse petiscos ao remate da entrega de premios.
As inscricións teñen un custo de 13 euros para abonados, 10 euros para abonados con bono, 19 euros para xogadores con convenio, 22 euros para xogadores externos e 12 euros para os participantes infantís. Ademais, o torneo servirá como clasificatorio para o Torneo de Campións 2026/27.