O Club Ximnasia Burgas proclámase campión de España absoluto feminino por equipos en Dobre Minitramp

No apartado individual, Paula Touza proclamouse campioa de España Élite absoluta en Trampolín, mentres que Marta Lópezlogrou a medalla de prata na modalidade Élite absoluta de Dobre Minitramp
club-ximnasia-burgas-campionato-absoluto-naional
8 Jun 2026

O Club Ximnasia Burgas continúa ampliando o seu palmarés no Campionato de España Élite, que se está a disputar en Valladolid, cunha nova colleita de éxitos tras os excelentes resultados acadados tamén no Nacional Base.

A entidade ourensá conquistou o título de campioa de España absoluta feminina por equipos na modalidade de Dobre Minitramp, confirmando o seu gran momento deportivo nunha das citas máis importantes da ximnasia de trampolín a nivel estatal.

No apartado individual, Paula Touza proclamouse campioa de España Élite absoluta en Trampolín, a modalidade olímpica desta disciplina. A ximnasta do Burgas logrou o título na máxima categoría nacional, por diante de Noemí Romero, internacional española e participante nos pasados Xogos Olímpicos.

Os éxitos do club completáronse coa medalla de prata de Marta López no Campionato de España Élite absoluto de Dobre Minitramp, mentres que o equipo feminino da mesma modalidade tamén se fixo co campionato nacional absoluto.

Estes resultados chegan apenas uns días despois da destacada actuación do club no Campionato de España Base, celebrado os días 3 e 4 de xuño en Valladolid, onde os ourensáns lograron un total de 15 podios, dos cales seis foron medallas de ouro.

Desde a entidade subliñan ademais o mérito destes resultados tendo en conta a ausencia de Melania Rodríguez, campioa do mundo, que continúa recuperándose da lesión sufrida durante o pasado Campionato de Europa e que aínda non puido volver á competición. Unha circunstancia que, segundo o club, evidencia a fortaleza da súa canteira e o elevado nivel competitivo das súas ximnastas.

Entre os nomes destacados figura tamén Iker García, que se proclamou campión de España Élite prexuvenil en Trampolín e que acadou ademais a medalla de bronce en Dobre Minitramp Élite sub-15 formando parte do Ximnasia Pontevedra.

0.40953493118286