O Club Xirandela encadea éxitos en Carballo, As Pontes e Lalín cun amplo medalleiro

As ximnastas do club lograron numerosos ouros, pratas e un bronce en tres competicións celebradas durante a fin de semana
Club-Xirandela-Sarria-As-Pontes
8 Jun 2026

O Club Xirandela de Ximnasia Rítmica completou unha intensa e exitosa fin de semana de competicións, conseguindo destacados resultados nos torneos celebrados en Carballo, As Pontes e Lalín, onde as súas ximnastas volveron demostrar o alto nivel deportivo da entidade.

A primeira cita foi o II Torneo Rítmica Carballo, no que participaron as ximnastas infantís de nivel escolar e nivel interescolas, así como os conxuntos prebenxamín e alevín de nivel escolar. Nesta competición, o conxunto prebenxamín de nivel escolar acadou a medalla de prata, mentres que o conxunto alevín de nivel escolar e o conxunto infantil de nivel interescolas proclamáronse campións nas súas respectivas categorías. Ademais, o conxunto infantil de nivel escolar rematou na cuarta posición.

Tamén, o club desprazouse ata As Pontes para participar no VIII Torneo Vila das Pontes, onde competiron os conxuntos de iniciación e prebenxamín de nivel interescolas, os conxuntos de nivel escolar e as ximnastas infantís e xuvenís de nivel promoción.

Nesta competición, os resultados volveron ser excelentes. Na categoría de nivel escolar, os conxuntos de iniciación, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil conquistaron a medalla de ouro, mentres que o conxunto sénior obtivo a prata. Pola súa parte, no nivel interescolas, tanto o conxunto de iniciación como o prebenxamín lograron o primeiro posto e a correspondente medalla de ouro.

A fin de semana completouse en Lalín, onde as ximnastas benxamíns de nivel promoción conseguiron unha meritoria medalla de bronce, pechando así tres xornadas de competición cun balance moi positivo para o Club Xirandela.

Os resultados acadados consolidan o gran momento deportivo da entidade e poñen de manifesto o traballo realizado polas deportistas e o corpo técnico ao longo da tempada.

0.39943313598633