O Coliseum convértese no epicentro musical de Galicia con Pablo López, Alanis Morissette e Miguel Bosé

O Coliseum da Coruña dá comezo ao mes de xullo cunha programación musical de primeiro nivel, consolidándose como o referente multiusos do noroeste peninsular. Nunha semana, o recinto acollerá tres concertos de artistas de renome internacional: Pablo López, Alanis Morissette e Miguel Bosé, todos eles en exclusiva en Galicia.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a programar grandes actuacións na cidade, que recibirá a máis de 15.000 persoas en sete días”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, destacando o impacto cultural e turístico que estes eventos terán para A Coruña.
O primeiro en subir ao escenario será Pablo López, este sábado 5 de xullo. A Coruña é unha das únicas cinco cidades do Estado que forman parte da súa nova xira “Un piano, una voz”, un espectáculo en formato 360 graos no que o artista se presenta nunha proposta máis íntima. O escenario estará situado no centro da pista, permitindo a apertura total das bancadas e ofrecendo unha experiencia inmersiva ao público.
O mércores 9 será a quenda de Alanis Morissette, unha das voces máis recoñecidas do pop internacional. A artista canadense, que acadou o éxito mundial en 1995 co seu álbum “Jagged Little Pill”, chega á cidade herculina co seu novo proxecto “Triple Moon Tour”. Trátase da súa primeira actuación en Europa nesta xira, despois de arrasar en Norteamérica con máis de 600.000 entradas vendidas en 35 concertos.
O venres 11 pecha esta intensa semana musical Miguel Bosé, que escolleu A Coruña como única parada galega dentro do seu ‘Importante Tour’. O cantante repasará os grandes éxitos da súa carreira acompañado por músicos e coristas, baixo a dirección musical de Mikel Irazoki, nun espectáculo que promete emocións e nostalxia.
Con esta programación, o Coliseum reafírmase como un dos escenarios imprescindibles para as grandes xiras internacionais e A Coruña como capital galega da música en directo.