O comercio do metal de Pontevedra mobilízase por un convenio colectivo digno

Traballadores concentráronse en Vilaboa para rexeitar as propostas da patronal, que inclúen recortes no complemento do IT e cambios salariais.
Comercio Metal
18 Feb 2026

Persoas traballadoras do comercio do metal da provincia de Pontevedra concentráronse diante das instalacións de Recambios Ochoa, en Vilaboa, para reclamar un convenio colectivo digno e amosar o seu rexeitamento ás propostas da patronal.

A mobilización prodúcese tras as protestas celebradas en Vigo coincidindo coas reunións da mesa de negociación do convenio do metal, na que tamén participa a asociación empresarial ATRA. A concentración desenvolveuse no aparcadoiro próximo á empresa, entre consignas como “Convenio digno, convenio xa” ou “Complemento do IT non se vende”.

Segundo explican as organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT, a parte social abandonou as negociacións ante a intención da patronal de eliminar a cobertura do 100 % desde o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal e de suspender durante dous anos a aplicación do artigo que impide absorber pluses que superen as condicións salariais fixadas no convenio.

Para os sindicatos, estas cuestións constitúen liñas vermellas na negociación. Advirten de que continuarán co calendario de mobilizacións e non descartan a convocatoria de folga se o empresariado non retira as propostas consideradas regresivas.

⚙ Configurar cookies
0.2425811290741